A rebelión cívica comezou no 2011

Hai catro anos, un grupo de xente puxemos en marcha a Iniciativa BenComún á calor da rebelión cívica do 15M. Meses despois algún dos seus promotores impulsábamos Espazo Ecosocialista entendendo que era necesario formatear a música do cambio.

Por Xoan Hermida | Pontevedra | 07/07/2015

Comparte esta noticia
Outros novos partidos naceron nese mesmo proceso de ebulición: Equo, Compromiso, Anova, … e significativamente Podemos. Algúns teñen interpretado mellor e outros peor o momento constituínte (no local) e paradigmático (no global) que estamos a vivir. Mesmo algúns partidos da vella política como EU fixeron un esforzo por reactualizarse.
 
Aínda así, os partidos, tal como foron concibidos ata o de agora, teñen os seus días contados. Cada vez hai máis xente que non esta disposta a soportar disciplinas nin defensas corporativas, senón a construír os novos instrumentos de intervención política desde a participación individual e intransferible.
 
Espazo Ecosocialista foi pioneira en moitos elementos que hoxe están na axenda política: radicalidade democrática, soberanismo cívico, cooperación política, sustentabilidade social e ambiental, renda básica, economía do ben común, …
 
Paradoxalmente a presenza de Espazo non ten medrado afiliativamente ao ritmo que teñen medrado as súas ideas, aínda que neste período os que se miden tódolos días o tamaño, puideron comprobar, tamén, como día a día este foi minguando.
 
O fortalecemento de Espazo Ecosocialista, como o das novas forzas, pasa polo fortalecemento das súas ideas, pola súa capacidade de ‘contaminación’, e non porqué estea máis tempo as súas siglas nos xornais ou porqué a súa pancarta sexa a máis grande.
 
A xente que lle cae ben Espazo é por “quen somos” (persoas non sectarias dispostas a construír un futuro mellor) e non polo "que somos” (partido ou club filantrópico).
 
As pasadas eleccións municipais téñense levado por diante moitas cousas (e de seguro que moitas máis van levarse) pero aínda queda moito camiño por andar e nese senso, so nese senso, os partidos reactualizados son proxectos necesarios, sempre é cando saiban ler a realidade e sexan instrumentos de aportación cultural e en réxime de coworking, e non partidos na procura da súa cota de poder.
 
O pasado día 20 o Consello Aberto [Nacional] de Espazo Ecosocialista abriu unha etapa de reflexión que rematará nunha asemblea extraordinaria cara a finais de ano, na que unha dirección colexiada tócalle conducir o proceso:
 
“Desde o pasado mes de xaneiro a actividade política de Espazo Ecosocialista estivo, por decisión colectiva, paralizada. O partido asumira mergullarse en candidaturas de unidade popular e participar de xeito individual como cidadáns e ser exemplarizantes en evitar calquera indicio de instrumentalización partidaria. Membros de Espazo participaron nunha vintena de candidaturas ao longo do país, nalgunhas delas como candidatos e candidatas xa electas e noutras xogando un papel importante na súa vertebración.
 
Espazo Ecosocialista sae deste proceso querendo ser útil no novo ciclo político que se abre a partir das municipais, tendo en conta que non naceu para ser un partido clásico nin un aparato de poder, senón   un instrumento cidadá da esquerda verde con formato legal de partido” di o texto aprobado.
 
A terceira foi posible
 
O éxito das Mareas son o éxito da unidade desde a esquerda pero tamén unha forma de entender a política de xeito cooperativo e participado pola cidadanía, tal como expresamos nese Consello Aberto:
 
“As municipais do pasado 24 de maio pechan o ciclo de empoderamento democrático e cívico iniciado tras o 15M de hai catro anos e resolven dúas carencias que o proceso tivo nas súas dúas construcións anteriores: no proceso do NPC, iniciado trala ruptura do BNG en Amio, que quedou limitado ao campo do nacionalismo e o proxecto de AGE, que a pesar da súa transversalidade política, foi incapaz de darlle a participación á cidadanía sen militancia partidaria.
 
O éxito maior ou menor das Mareas ten moito que ver coa amplitude e coa propia construción das mesmas en cada sitio pero existe unha corrente xeral de avance e hai un dato central cara a posibles novas alianzas cívicas e políticas cara aos procesos futuros (xerais e autonómicas): a experiencia de radicalidade democrática das mareas xa son patrimonio das xentes e como tal son propiedade colectiva da cidadanía. A partir de agora ademais dos partidos preexistentes, as Mareas convértense, por dereito propio, en instrumentos políticos para a intervención social e institucional.”
 
Pero o éxito electoral das Mareas, de todas as que acadaron representación, permite ter novos instrumentos políticos que van máis aló dos nanopartidos que as puxeron en marcha e dando acubillo a cidadáns que non teñen adscrición partidaria.
 
Agora que se fala da Marea Galega, elas deben ser as primeiras protagonistas. Non creo nos partidos agás que sexan en formato coworking, non creo nos notables senón son sobresaíntes, no creo nos “abaixo asinantes” a non ser que sexan activistas.
 
Por iso, non deixo de observar atónito como se suceden iniciativas partidarias e/ou parapartidarias que teñen como único obxectivo parasitar a idea das mareas para reconstruír o espazo nacionalista.
 
Soen ser iniciativas impulsadas por grupos que ata onte creian que os do 15M conformaban un movemento inconsistente de frikis, que AGE supuña unha traizón á memoria de Castelao e Podemos eran uns españolistas modernochos. Quedaron fora das mareas municipalistas por intereses de parte, esperando que fracasaran, pero agora son os máximos defensores da unidade cidadá.
 
Todas esas iniciativas coinciden nas seguintes liñas argumentais:
 
a) existen uns intereses supremos da nación a defender, coma se en Galicia non existiran intereses sociais confrontados igual que en calquera nación contemporánea;
 
b) hai un perigo de que Galicia este ausente do novo proceso constituinte, confundindo os intereses populares de Galicia, poucas veces tan representados e con tanto dinamismo social, cos intereses dun formato político esgotado;
 
c) o necesario marco espacial galego da posible construción do instrumento electoral pasa de ser político a ser ideolóxico, onde iso si, somos tan aperturistas, que agora permitimos a entrada dos 'non nacionalistas';
 
d) Podemos non é, desde ese punto de vista, unha oportunidade democratizadora fronte ao bipartidismo, senón un instrumento de españolización necesario combater.
 
Non tratan de facer unha reflexión sobre o cambio de pautas de interpretación política da sociedade galega iniciadas en Nunca Máis.
 
Non queren entender o cambio de paradigmas que puxo enriba da mesa o 15M e levan catro anos sen entender os novos instrumentos xurdidos.
 
Non están dispostos a recoñecer que o seu tempo pasou e que simplemente sobreviven e que namentres non se asentan novos interfaces, estes poderán sucederse uns a outros, pero os sectores máis dinámicos da cidadanía desertaron deles, dos seus antigos paradigmas, das súas vellas liturxias, dos seus moralizantes sermóns.
 
A casa común da rebelión é galega, pero non esta en perigo a existencia política de Galicia senón o formato co que o nacionalismo leva actuando desde os anos sesenta do pasado século. Galicia nunca estivo máis viva nas rebelións das súas xentes.
 
O único perigo que se albisca é que os partidos, os vellos e os novos, se convertan nunha rémora o suficientemente forte para facer fracasar ás Mareas coma no seu día fixeron fracasar o movemento cívico do Nunca Máis.
 
Non saquen zombis do armario, liturxias pasadas, paradigmas mortos, non enreden, deixen a xente seguir construíndo o iniciado hai catro anos; e por favor, non intenten entrar como o propietario que o único que pretende é desafiuzar aos actuais inquilinos dunha casa que dicían era imposible construír.
 
O meu proxecto político é o da democracia cívica, galega e desde a esquerda, chámese NPC, AGE, Mareas, … o resto para por ser instrumental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoan Hermida Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e doutorando en Ciencias Politicas e Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015. Na actualidade participa da Marea Pontevedra.