Os mariscadores, desesperados, agardan a declaración de zona catastrófica nas rías afectadas pola alta mortaldade dos moluscos

As confrarías alertan das perdas da actual campaña: as mortes do berberecho superan o 95 % e da ameixa xapónica, o 75 %.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/12/2023 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, avanzou que a Xunta de Galicia está a recoller datos para elaborar os informes técnicos nos que sustentará a solicitude ao Goberno central dunha declaración de emerxencia para as zonas afectadas pola alta mortaldade de moluscos nos bancos marisqueiros das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo.

"Primeiro temos que avaliar os datos: pluviometría, salinidade, e tamén datos de produción. Iso é fundamental para trasladar ao Goberno do Estado e buscar a vía da zona catastrófica", explicou este xoves o conselleiro no transcurso dunha visita á Lonxa de Campelo, en Poio, onde mantivo un encontro cos patróns maiores da ría de Pontevedra.

A declaración de zona catastrófica pola mortaldade nas rías é unha demanda trasladada ao Consello Galego de Pesca pola Federación Provincial de Confrarías, cuxo presidente e patrón maior de Bueu, José Manuel Rosas tamén participou este xoves no encontro co conselleiro. O sector entende que a situación é "excepcional" e por iso reclama medidas igualmente excepcionais.

Alfonso Villares coincide co sector na necesidade de articular axudas urxentes e en que esta declaración de zona catastrófica evitará que moita xente quede sen axudas. "Sería unha vía que cubriría as necesidades de todos, os mariscadores e mariscadoras. Eu creo que temos que traballar aí, que ninguén quede fóra", declarou. "Outras axudas que despois se puidesen arbitrar xa sería máis complicado que todas as persoas entrasen", insistiu.

ALTAS TEMPERATURAS DA AUGA

O conselleiro lembrou que o marisco se viu moi afectado polas altas temperaturas que alcanzou este ano a auga nas rías e polo exceso de auga doce que chegou aos bancos durante os temporais de outubro e novembro. As confrarías apuntan que a mortaldade do berberecho supera o 95 % e, no caso da ameixa xapónica, do 75 %. "O fundamental é que non quede ninguén fóra á hora de axudar e a vía de declarar zona catastrófica é o camiño", reiterou o conselleiro do Mar.

CASE 3.000 FAMILIAS AFECTADAS

Mari Carmen Vázquez, patroa maior da confraría de Lourizán e presidenta da Lonxa de Campelo lembrou que na provincia de Pontevedra son preto de 3.000 as familias afectadas pola elevada mortaldade de marisco "e a verdade, temos un futuro bastante malo", lamentou. A situación é tan "desesperada" que á patroa maior de Lourizán xa non lle preocupa perder a próxima campaña de Nadal senón o futuro de todo este sector extractivo. "Todo o mundo preocúpase da campaña de Nadal, do que poida haber nos mercados, a nós preocúpanos xaneiro, febreiro, marzo e todo o ano 24", afirmou.

"Iso é unha angustia para un traballador que é un mariscador, é un autónomo que realmente non ten que levar á súa casa. A que vai levar a isto? Pois moita xente deixará o marisqueo porque terá que vivir", manifestou Mari Carmen Vázquez. A patroa maior de Lourizán tamén alertou doutro problema como é a entrada nos mercados de marisco foráneo "o berberecho vén de Holanda, a ameixa xapónica que vén de Francia, de Italia, de Portugal, mesmo agora a ameixa fina que vén de Marrocos". "Xa pasou cando foi o do 'Prestige'", lembra a patroa, "no mercado hai un produto que di que é galego e non o é, é moi triste". Neste sentido, o conselleiro do Mar lembrou que "a Xunta tamén ten servizos que poden velar para que o que se consuma sexan produtos nosos".

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visita a lonxa de Campelo, en Poio
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visita a lonxa de Campelo, en Poio | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta