Flexibilidade horaria para aqueles funcionarios con fillos menores e persoas ao seu cargo

Esta medida, que non afectará a profesores nin a persoal de xustiza nin do Sergas, tamén alcanzará a empregados en proceso de divorcio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2023 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

A Xunta ten en tramitación un borrador de orde coa que pretende conceder flexibilidade de horario a funcionarios e persoal laboral da Administración que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e persoas con discapacidade, enfermidade ou de idade avanzada que precisen de asistencia.

Desta medida, que con todo non se aplicará para persoal de centros docentes, da administración de xustiza nin do Servizo Galego de Saúde (Sergas), tamén se beneficiarán vítimas de violencia machista e sexual, así como empregados públicos que se atopen nun proceso de nulidade matrimonial, separación ou divorcio.

Trátase dun proxecto de orde publicada no Portal de Transparencia da Xunta, que está en prazo de recepción de suxestións ata os días 22 de decembro. O borrador tramítano a Consellería de Presidencia e a de Facenda e Administración Pública. O que fai o novo texto é modificar unha orde anterior, do 2013, e incluír novos supostos para favorecer a flexibilidade horaria por conciliación. Ata agora, o límite máximo de idade dos fillos estaba posto nos 12 anos.

Xunto a todo iso, a disposición final única da nova orde permite unha adaptación da xornada laboral para empregados públicos que se reincorporen ao servizo ao finalizar un tratamento médico fronte a enfermidades de "especial gravidade". En concreto, estas persoas poderán reducir a súa xornada á metade nos 30 días seguintes á súa volta.

Esta flexibilidade horaria por conciliación aplicarase entre as 7.30 da mañá e as 20.00 da tarde para aquelas unidades que desenvolvan tarefas de carácter administrativo. O interesado terá que facer unha proposta de horario, pero en ningún caso poderá implicar a súa total ausencia durante unha xornada completa e, ao final de mes, terá que cumprir con todas as súas horas. Para aquelas de carácter asistencial, de atención ao público ou similares que esixan a elaboración dun calendario de persoal, poderase establecer un marco horario propio "axustado ás peculiaridades do servizo".

CRITERIOS DE PRIORIDADE

Quen terá prioridade naqueles casos nos que haxa varios traballadores públicos que soliciten a medida por ter fillos menores? En xeral, teranse en conta "os diversos graos de atención" que requiran as persoas a cargo. Por orde de prioridade, os criterios de desempate serán os seguintes: ter fillos con algún grao de discapacidade; estar incurso en máis dun suposto para solicitar a flexibilidade (por exemplo, ter unha persoa dependente a cargo e, ademais, ser vítima de violencia de xénero); ter xa unha redución de xornada por motivo de conciliación; ter fillos entre 0 e 13 anos; e, por último, que estes teñan entre 14 e 17 anos. O preámbulo da orde enmarca a medida dentro das políticas de conciliación que contempla a lei galega de impulso demográfico, pero tamén menciona a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual (coñecida como lei de 'só si é si'), no tocante aos dereitos laborais para vítimas de violencia de xénero.

Reunión do Consello da Xunta
Reunión do Consello da Xunta | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta