Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2023 | Actualizada ás 16:14
A exposición 'O poder da palabra. Un percorrido pola historia do Parlamento de Galicia' recalará a próxima semana en Buenos Aires e Montevideo. A mostra está integrada por gran parte dos materiais da mostra 'O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2021', organizada para conmemorar as catro primeiras décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez.
En Buenos Aires, a exposición será inaugurada o martes 12 de decembro, ás 18.30 horas, no Centro Galicia. En Montevideo, a inauguración está prevista para o venres 15 de deciembre, na sede do Poder Lexislativo da República Oriental de Uruguai. A delegación galega que participará nas inauguracións estará integrada polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e polo comisario da mostra, Ramón Villares.
MATERIAIS
A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia. A necesidade de duplicar os materiais que integran a mostra (que estará aberta de maneira simultánea nas dúas capitais) e o estado delicado dalgúns documentos que se mostraron inicialmente, aconsellou encargar copias dos mesmos en lugar de mostrar algúns dos orixinais.
Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar copias da 'Proposta de Consello de Galicia de Castelao', datada ao redor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou do mapa 'Gallaecia Regnum', datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego. A mostra tamén incorpora obras como 'O Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios', editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Ángel Seixas Seoane.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.