A Xunta recrimina ao Goberno que todos os parques eólicos asociados a Alcoa esperan aínda autorización

A Xunta tamén insistiu na importancia de que o Goberno aprobe un marco de subministración eléctrica "competitivo, estable e predicible", así como unha modificación do estatuto de consumidores electrointensivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2023 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia urxiu ao Goberno que axilice a tramitación dos parques eólicos asociados a Alcoa, ao ser "fundamentais" para a viabilidade da industria electrointensiva. Nun comunicado, o Executivo galego lembrou que a totalidade dos devanditos parques dependentes da tramitación do Goberno central seguen á espera da súa autorización estatal de construción.

Para a Xunta, a solución para Alcoa pasa por contar cun prezo eléctrico que lle permita competir en igualdade de condicións co resto de Europa e por executar investimentos para mellorar procesos produtivos.

Por iso, reivindicou que a Administración galega está a axilizar toda a tramitación dos parques eólicos de competencia autonómica, ao ser "fundamentais" para a viabilidade da industria. "Unha dilixencia que choca coa lentitude do Goberno central para impulsar os parques eólicos dependentes de tramitación estatal", reivindicou.

En concreto, dos 30 parques de tramitación autonómica asociados a Alcoa, 27 xa cumpriron coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e quedan tres que o cumprirán en prazo, segundo a Xunta. Todos os que xa a teñen, foron autorizados.

"Pola contra, os 11 parques cuxa tramitación depende do Goberno do Estado, ningún deles conta coa autorización de construción, a pesar de que cinco xa teñen a DIA favorable desde xaneiro deste ano", criticou o Executivo galego.

A Xunta tamén insistiu na importancia de que o Goberno aprobe un marco de subministración eléctrica "competitivo, estable e predicible", así como unha modificación do estatuto de consumidores electrointensivos e o incremento da dotación orzamentaria máxima permitida pola normativa europea para a compensación dos custos indirectos por dióxido de carbono (CO2) á esta industria. Estas reivindicacións serán de novo reclamadas o venres na reunión do comité de seguimento de Alcoa, segundo explicou o Executivo galego.

Así saíu ao paso a Xunta despois de que o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicase na mañá deste martes o "compromiso" do Executivo cos traballadores de Alcoa e coa comarca da Mariña, á vez que instou á Administración autonómica a "acelerar" a tramitación dos parques eólicos que teñan PPA (Power Purchase Agreement, un acordo de compravenda de enerxía limpa a longo prazo) coa empresa.

Planta de Alcoa en San Cibrao
Planta de Alcoa en San Cibrao | Fonte: Janet González - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta