A compravenda de vivendas en Galicia descende un 1,7% en marzo

Interrómpese así a tendencia crecente segundo o informe do Colexio Notarial de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2024 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A compravenda de vivendas descendeu en Galicia un 1,7% en marzo deste ano con respecto ao anterior, "unha porcentaxe moi afastada do descenso do 13,7% rexistrado no conxunto de España", sinala o Colexio Notarial de Galicia nun informe. Nel, especifica que "se interrompe así a tendencia crecente na comunidade autónoma desde que empezou o ano, con aumentos interanuais do 22,2% e o 13,8% en xaneiro e febreiro pasados, respectivamente".

Polo que se refire a a concesión de préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda, incrementouse nun 14,2% interanual, fronte a unha caída do 4,5% no conxunto do Estado". En canto ao prezo do metro cadrado, en marzo pasado subiu un 7,2% na comunidade galega, por encima do aumento medio do 4,2% alcanzado polo conxunto das autonomías.

En Galicia o número de compravendas sumou en marzo as 2.294 unidades e o prezo medio do metro cadrado situouse nos 1.104 euros. Por tipo de vivenda, producíronse 1.676 compravendas de pisos, un 0,2% máis que o mesmo mes de 2023, e 619 de casas unifamiliares, un 6,4% menos. O prezo dos pisos aumentou un 13%, ata os 1.441 euros/metro cadrado de media, e o prezo das vivendas unifamiliares abaratouse nun 8,6%, situándose nos 660 euros/metro cadrado.

PRÉSTAMOS HIPOTECARIOS

Por outra banda, en marzo concedéronse 1.327 préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda en Galicia, un 14,2% máis que o mesmo mes do ano anterior. A contía media foi de 117.841, cun descenso interanual do 3,6%, idéntico ao estatal.

O 42,6% das compravendas efectuadas en Galicia financiáronse mediante un préstamo hipotecario, unha porcentaxe que alcanza o 46,8% no conxunto de España. Ademais, neste tipo de compras con financiamento, a contía dos préstamos concedidos supuxo de media o 72,5% do prezo (fronte ao 71,7% de media estatal).

Os datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CEN) tamén revelan que en marzo de 2024 constituíronse 471 sociedades en Galicia, o que supón unha caída do 6,8% interanual (un 15,2% no conxunto de España).

Anuncios de pisos en venda. Jesús Hellín - Europa Press
Anuncios de pisos en venda. Jesús Hellín - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta