O PP suma o apoio de asociacións empresariais para reclamar gratuidade da AP-9 entre Pontevedra e Barro

Continúa coa suma de apoios para orquestrar unha "fronte común".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2024 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra reivindicou este xoves que continúa coa suma de apoios para orquestrar unha "fronte común" para reclamar a gratuidade da Autoestrada do Atlántico (AP-9), entre a capital da provincia e Barro.

O portavoz do PP local, Rafa Domínguez, mantivo este xoves unha reunión na sede local do partido co presidente da Asociación de medianas e pequenas empresas de Pontevedra (AEMPE), José María Corujo; a presidenta da Asociación de Novos empresarios AJE- Pontevedra, Valeria Giráldez; o presidente da asociación de autónomos APE-Pontevedra, José Ramón Caldas; o vicepresidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros e o representante da plataforma polo emprendimiento Pont-Up Store, Pedro Figueroa.

"Hoxe certificamos o respaldo unánime das asociacións empresariais da cidade", asegurou Rafa Domínguez ao saír desta reunión na que lles informou da moción que presentará no pleno municipal do próximo luns. Segundo defendeu o portavoz do PP, esta medida serviría para "romper muros e unir poboacións" e tería un impacto económico moi importante para estimular o fluxo de visitantes da comarca do Salnés e liberar de tráfico a estrada autonómica PO-531 e o tramo inicial da nacional N-550.

O líder do PP lembrou que existen exemplos próximos que evidencian que esta medida é posible e que "froito da negociación política e da presión social pódense eliminar as peaxes", como sucedeu cos tramos entre Vigo e Cangas ou Redondela. Domínguez considera que o tramo Pontevedra-Curro cumpre, exactamente, os mesmos criterios para que sexa gratuíta.

"A miña intención é conseguir que os usuarios da autoestrada poidan utilizala, polo menos neste tramo tan estratéxico para as comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés, de forma gratuíta", explicou Rafa Domínguez, que se mostrou "convencido" de que "o primeiro paso é lanzar unha mensaxe contundente que conte co respaldo por todas as forzas políticas, e os empresarios da capital".

Domínguez tamén agradeceu ao goberno local do BNG en Pontevedra que votase a favor desta proposición do PP na Comisión de Mobilidade e, respecto da abstención do PSOE, concluíu: "Supoño que o terán que consultar e espero que, polo ben de Pontevedra e comarca, modifiquen o seu voto no pleno do luns porque é unha medida francamente positiva para a cidade".

Autopista AP9 Chapela cara a Vigo
Autopista AP9 Chapela cara a Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta