“Say my name” presenta o seu primeiro disco

Hai quen asocia xuventude con pasotismo e indolencia. É certo que hai ni-nis (que nin estudan nin traballan; pero hainos, por desgraza, de tódalas idades) mais tamén hai unha mocidade que se esforza, que se implica e colabora para mellorar as súas vidas e para construir un mundo mellor. A grande maioría síntese aludida polo traballo e o compromiso e tamén procura desenvolver as súas cualidades e aptitudes. Hai unha mocidade emprendedora e creativa que tenta buscar o seu espazo, sen deixarse levar polo desalento e a incerteza dos tempos de hoxe.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 18/07/2015

Comparte esta noticia
Unha das actividades culturais que máis seguemento ten na Coruña é a música, en todas as súas formas de expresión. Hai nesta cidade un grande número de mozos e mozas que se adican á música e se exercitan con algún instrumento, cadaquén no seu nivel. Hai moitas Escolas de Música con numerosa asistencia,  o Conservatorio Superior forma centenares de profesionais e os Locais de Ensaio (excelente oferta do Concello) acolle a numerosos grupos que tentan practicar esta noble arte e expresar a súa creatividade.
 
Un dos grupos que acode aos Locais de Ensaio chámase Say My Name (“Dí o meu nome”) e está integrado por cinco rapaces novos (dúas mozas e tres mozos) que, despois de dous anos ensaiando xuntos e tentando elaborar as súas composicións, veñen de grabar o seu primeiro disco con nove cancións propias,  que presentan ao público o día dezaoito de xullo nun local da Coruña, na zona de Monte Alto.
 
Algo máis de media hora de música, cantada en inglés -coa extraordinaria voz de Andrea de Artaza-, con temas amables e sinxelos que falan de amor, de desamor e outras temáticas propias desta idade e de todas as idades (Take me home, I´m in love, How I love you...). Son cancións breves e cálidas que contaxian emoción e benestar. Sei, por experiencia propia, que alegran aos nenos e, tamén, ás persoas maiores.
 
Teño a certeza de que os compoñentes do grupo pasárono moi ben mentres realizaban este labor. A ledicia e a satisfacción que, sen dúbida, sentiron coa composición destas pezas e co traballo no estudo de grabación, consiguen transmitilas a quen as escoita. Pouco máis se pode pedir á musica: que sexa agradable e que axude a mellorar a vida.
 
Non sei cáles son os azares nin os resortes que moven o mundo da música. Descoñezo os enrevesados camiños que levan algunhas melodías desde o anonimato ás multitudes. As cancións deste disco, todas elas, teñen un alto nivel de calidade, teñen unha dignidade que as fai merecedoras de chegar ao gran público. Pero tampouco estou convencido de que eso sexa o máis desexable.  Non sempre é preciso acadar a notoriedade. O bó da música é o pracer que nos produce, e estas cancións teñen, con toda seguridade, un efecto benefactor, son terapéuticas: axudan a sentirse mellor e a pensar que, a pesar de todo, este mundo non é tan ruín. É un excelente agasallo, deses que nos trae, ás veces, o deus das pequenas cousas.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.