Queres saber cales son os meles 5 estrelas de Galicia?

As velutinas seguen a supoñer un problema para os apicultores e este ano a escaseza de mostras de mel de eucalipto ou de silva non permitiron outorgar premios nestas categorías. "Nas analíticas vense algúns graos de humidade que non chegan a afectar á calidade comercial do mel, pero que si demostran que ao mellor a velutina está obrigando ao apicultor a sacar o mel antes do previsto", reflexiona o veterinario de AGA Joaquín Lozano.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/12/2023 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O mel é un manxar dos deuses. Tomar unha culleirada de mel é como revivir. E é que serve para todo: para cando un está enfermo, para ter máis enerxía, para facer deporte, para estar máis saudable ou só para desfrutar dun sabor único. O mel galego ten ese particular sabor que non se atopa nos meles doutras partes do mundo. Por iso, recoñecer a sorte que temos é algo que está nas mans de todos. Dende a Asociación Galega de Apicultura (AGA) saben ben a riqueza deste produto, pois todos os anos (dende hai xa cinco) celebran o concurso Meles Cinco Estrelas, no que escollen de entre os moitos candidatos, os tres mellores meles en diversas categorías. A elección, como recoñece o presidente da asociación, non é nada doada. Queres saber cales foron os galardoados este 2023?

Gañadores do concurso Meles Cinco Estrelas 2023
Gañadores do concurso Meles Cinco Estrelas 2023 | Fonte: GC

CATEGORÍA MEL MULTIFLORAL

1º - Cristina Rubiños Aguirre, do Valadouro (Mel de Modeiras)

2º - Manuel Casal Rodríguez, de Boqueixón

3º - María del Mar Brea Botana, da Estrada (Mel de Brea)

CATEGORÍA MEL DE QUEIROGA

1º - José Luis Pérez Fernández, de Navia de Suarna (Mel de Casa Príncipe)

2º - Iago Fernández Pena, do Valadouro (Mel do Val)

3º - Andrés Pérez Costa, de Cedeira (Mel da Ribeira)

CATEGORÍA MEL DE CASTIÑEIRO

1º - Amable Pérez Diz, de Muíños (Mel de Ecomel)

2º - María Isabel López Pérez, do Piornelo (Mel A Casoa)

3º - Johnny Trigas Rodríguez, de Boborás (Mel Doce Bágoa)

CATEGORÍA MEL DE BOSQUE

1º - José Antonio Pazos González, de Laza (Mel de Aialma)

2º - Sonia González Rodríguez, da Porqueira (Mel de Valdabella)

3º - Miguel Rodríguez Pérez, da Pobra de Brollón (Mel de Casa Severa)

MENCIÓNS ESPECIAIS

- Mel de silva: Cristina Rubiños Aguirre, do Valadouro (Mel de Moreiras)

- Mel de eucalipto: José Benito Míguez, de Montouto; e Roberto Muíño Formoso, de San Sadurniño (Mel Abella Amiga)

Para a súa elección seguíronse unha serie de procesos moi meticulosos. Todas as mostras presentadas foron analizadas a nivel químico e organoléctico, de xeito que se contou cun equipo de veterinarios para a análise no laboratorio e cun comité de cata para a proba fóra do mesmo. O problema este ano foi a escaseza de mostras que chegaron dalgunhas variedades, como do mel de silva e eucalipto, o que fixo imposible poder outorgar tres premios como nas demais categorías, de xeito que aos mellores destas variedades se lles fixo unha mención de honra. O presidente de AGA, Xosé Torres Romar, asegurou que no concurso participaron máis de 90 persoas asociadas, e ao final seleccionáronse 60 mostras.

E é que, como alerta, "houbo este ano un problema coa humidade na selección dos meles, algo que pode deberse aos efectos da vespa velutina sobre as colmeas, especialmente sobre os meles de eucalipto". Finalmente, desas 60 mostras que pasaron a selección, tivéronse que escoller as gañadoras. "Para nós foi todo un orgullo ter tantos participantes de calidade, porque demostra que hai apicultores en Galicia que manteñen o bo facer das abellas nas súas colmeas e o trasladan ao seu bote de mel, esa é a esencia", apunta. Ademais, recorda que varios dos gañadores xa levan anos recollendo este recoñecemento, o que "demostra a calidade do voso produto e a vosa como apicultores".

"Dende os montes de Galicia, co noso mel, podemos chegar a lugares e aldeas de todo o mundo, a Londres e París, e gañar concursos a nivel internacional", animou Torres aos premiados, consciente de que "temos unha apicultura que nos permite ser sobranceiros no ámbito dos nosos produtos". Así, tras a aprobación esta mesma semana da etiquetaxe clara para identificar ao mel de Galicia, Torres asegura que "se poñemos mel de Galicia na nosa etiqueta, é unha garantía de que ese mel ten unha calidade suprema, excelsa". Precisamente por iso, recorda que o produto de calidade tamén hai que pagalo ao prezo que se merece: "É como se merco un bistec barato na tixola e empeza a saltar auga", chancea. 

Pola súa banda, Joaquín Lozano, o veterinario encargado de analizar no laboratorio as mostras, explica que "todos os meles que nos chegaron teñen unha excelente calidade". Pero tamén fai un chamamento sobre a problemática da velutina: "as analíticas moitas veces amosan o que está a ocorrer fóra, e vense nelas algúns graos de humidade que non chegan a afectar á calidade comercial, pero que si demostran que ao mellor a velutina está obrigando ao apicultor a sacar o mel antes do previsto". Con todo, recorda que "neste concurso somos moi esixentes nos parámetros de calidade como a humidade, e mantémolos no 18 %, o cal é unha barbaridade, tendo en conta que un 28,5 ou un 29 xa son graos normalizamos, pero nós aínda somos máis esixentes, porque queremos prestixiar o noso mel".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta