Galicientífica- Iria Gómez Touriño: "O número de doentes con diabetes tipo 1 está en aumento"

Bióloga que investiga esta enfermidade no CiMUS e docente de Inmunoloxía en Farmacia (USC).

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 20/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Iria Gómez Touriño é a ‘Galicientífica’ desta semana. Investigadora principal e docente, que traballa no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Doutora en bioloxía molecular cuxo grupo de investigación, liderado por ela mesma, trata a abordaxe da diabetes tipo 1 e doutras enfermidades autoinmunitarias. Un dos fitos máis importantes da súa carreira foi a concesión dunha convocatoria da Juvenile Diabetes Research Foundation (JDRF) de Estados Unidos, que financia este proxecto cun millón de dólares. 

Iria Gómez Touriño no CIMUS
Iria Gómez Touriño no CIMUS

Que buscan conseguir cos súas liñas de investigación? “Novos fármacos que poidan atrasar a aparición da enfermidade ou facer que sexa menos grave. así como estudar os mecanismos moleculares que fan que os glóbulos brancos recoñezan ás células do páncreas como inimigo”. explica Iria. Nesta reportaxe imos coñecer máis sobre a diabetes tipo 1, centrada en cativos e mozos, e que hoxe en día, "pode ser controlada, pero non tratada ou curada”. 

MULLERES E CIENCIA 

Iria no seu ámbito laboral ve total igualdade,  no CiMUS, de feito recoñece que no que respecta a líderes de grupo ou investigadores principais está “50 a 50”. No único no que ve diferencia é na idade, hai máis investigadoras novas, seguramente por unha cuestión que vén de atrás, xa que “historicamente houbo máis homes”. 

É investigadora biomédica, bióloga, lidera o seu grupo e nai. “A conciliación é un problema en calquera ámbito, no noso non é viable facer un experimento de 12 horas e ter unha criatura dun ano”. Pensa que en Ciencia é especialmente complicado porque “a estabilidade laboral non se acada antes de ser nai, senón despois”. Tes que elixir? “Non creo que sexa algo que se debería elixir, senón como bióloga que son, diría que o ser humano acabaría extinguíndose, ten que haber axudas e máis apoio”. 

Cando acadaches a ansiada estabilidade? Relata que foi tomando diferentes decisións na súa vida que a levaron a onde está agora. O camiño non foi doado, xa que traballou nun país mentres que a sýa parella estaba noutro. “Saíume un traballo en España e tiven á miña filla ao mesmo tempo”. Aconsella ir tomando pequenas decisións con certa proxección de futuro, “pensar onde queres estar dentro de x anos, para poder estar aí”. 

A DIABETES TIPO 1

Como investigadora que che gustaría descubrir? O que me interesa é coñecer os mecanismos da enfermidade que axuden a dirixir “terapias máis seguras e máis cómodas”. Iria traballa con enfermidades autoinmunitarias, sobre todo coa diabetes tipo 1 infantil e xuvenil. “Cativos e mozos que teñen que controlar os niveis de azucre e pincharse insulina todos os días varias veces e durante toda a súa vida”, explica e engade que lle interesa coñecer por que ocorren as cousas para poder mellorar á calidade de vida. “Atopar un fármaco que o cure todo probablemente non sexa posible, pero hai que dar pequenos pasos para mellorar a calidade de vida”. 

É importante aclarar que xeralmente confúndense a Diabetes tipo 1 e tipo 2 que son “cousas completamente distintas baixo o mesmo nome”. Iria explica que a Diabetes tipo 2 é a “que nos soa”, por mala alimentación, sedentarismo, disposición xenética que conduce á esa diabetes que xorde a partir dos 50 anos. Pola contra, a Diabetes tipo 1 é unha enfermidade autoinmunitaria, na que o sistema elimina ás células do páncreas. “É máis frecuente en países ricos, fríos, con máis contaminación e non é totalmente xenética”, conta.

Debido á confusión entre as dúas enfermidades, existe o estigma de que se tes diabetes é porque “non te moves do sofá” e non é o caso na autoinmunitaria. “Os teus xenes só determinan o 50% da probabilidade de ter Diabetes tipo 1, o resto é algo ambiental, que ignoramos”, explica. “Hai clara diferencia na flora intestinal, que ten a capacidade de regular as túas defensas, entón hai algo ambiental que está traballando no aumento das enfermidades autoinmunes e alerxias”. Di que o número de doentes con diabetes tipo 1 está en aumento a nivel global, polo que se estima que en 2040 haxa 17,4 millóns de persoas no mundo con esta enfermidade. “Os novos casos duplícanse cada 20 anos no mundo, é unha barbaridade por que falamos de nenos, pero que facemos mal? Niso estamos”. afirma. 

A PANDEMIA E O SISTEMA INMUNITARIO

A Galicientífica recoñece que é moi importante divulgar sobre os avances, pero tamén fai fincapé en que se exerce moita presión no investigador. Tamén incide na importancia de que, no plano divulgativo, non se esaxere nos titulares cando se traballa con enfermidades humanas. “É de gran relevancia coñecer o funcionamento do sistema inmunitario, que en ocasións non se chega a explicar na súa totalidade en primaria ou Bacharelato."Nunha enquisa que fago o primeiro día de clase notei como a pandemia influíu en que os alumnos sabían máis de anticorpos ou antíxenos”, conta. 

Coa pandemia, a sociedade fíxose test de antíxenos, sabía que ao pasar a enfermidade tería anticorpos, e tamén Iria incide no concepto de “memoria inmunolóxica”. Cando fai divulgación ten preguntado “En que se parece o teu cerebro e as túas defensas? Pois en que ambos teñen memoria”. Precisamente ela é docente de Inmunoloxía en Farmacia na USC e explica como funciona o sistema inmunitario, que é “de defensa porque cando introduces algo que vén de fóra, vai buscar defenderse, e tamén repara o dano inflinxido”. Engade que aínda que as defensas buscan protexerte, pode darse a volta e decidir matar ao páncreas, articulacións… e que isto lle resulta “moi intrigante de estudar”.

Hai máis de 100 enfermidades autoinmunitarias diferente como o lupus, a celiaquía, a esclerose múltiple, a diabetes tipo 1 ou a síndrome de Sjögren. O problema destas enfermidades é convencer ao sistema de que está cegado e de controlar o que mata e entender por que o fai. Estas son as vías que traballamos no noso laboratorio”.

FALTA FINANCIAMENTO ESTRUTURAL

“Eu non sempre tiven claro que quería ser investigadora, é algo que foi xurdindo a medida que entraba neste mundo",remarca. Do CiMUS como centro destaca a colaboración e os moitos recursos comúns. No que atinxe ás axudas na investigación públicas pensa que falta “financiamento estrutural”. Algo que acusa nas cousas do día a día como a burocracia que supón mercar productos básicos para a investigación, como guantes ou libretas de laboratorio.“As institucións financiadoras, como a Xunta de Galicia ou o Ministerio, terían que simplificar a xestión económica dos proxectos de investigación, para facilitar o desenvolvemento dos mesmos", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta