Os cambios coa Zona de Baixas Emisións en Pontevedra terá "cero consecuencias" para a cidadanía, di o Concello

O concelleiro responsable de Mobilidade, César Mosquera,presentou os sinais que identificarán toda a área urbana de Pontevedra como Zona de Baixas Emisións e que comezarán a colocarse "canto antes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2023 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

A implantación no municipio de Pontevedra da Zona de Baixas Emisións (ZBE) terá "cero consecuencias" para os veciños da cidade, segundo explicou o concelleiro responsable de Mobilidade, César Mosquera, que insistiu en que a cidadanía non notará "cambio algún" á hora de circular cos seus vehículos.

César Mosquera lembrou que esta ZBE leva activa en Pontevedra desde o pasado 1 de xaneiro, sendo esta cidade, xunto con Madrid e Barcelona, as únicas que cumpriron "a tempo" os prazos fixados pola Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.

Recentemente, o concelleiro de Mobilidade presentou os sinais que identificarán toda a área urbana de Pontevedra como Zona de Baixas Emisións e que comezarán a colocarse "canto antes" do mesmo xeito que a instalación de máis cámaras de control do tráfico.

O sinal pontevedrés terá lixeiras modificacións con respecto ao modelo proposto pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e incluirá un coche coa emisión de gases, que indica que os vehículos que non sexan "tráfico necesario" ou servizos non terán autorizada a entrada nestas zonas de baixas emisións. Este distintivo, que prioriza o uso da lingua galega, incluirá tamén estas instrucións noutro tres idiomas: castelán, inglés e portugués.

UNHA MEDIDA "CHAFALLEIRA"

A polémica xurdiu cando o portavoz municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, alertou da posibilidade de que se poidan impor multas por circular por Pontevedra, ao entender que a ZBE elixida é unha medida "chafalleira", posto que mentres a maioría das cidades españolas acoutou estas zonas a un pequeno núcleo urbano, Pontevedra decidiu "nadar ao contraxeito" e situar en "risco de sanción" aos condutores que circulen por unha gran parte da cidade. O PP esixiu entón ao goberno local "claridade" e que explique "exactamente" que réxime sancionador seguirase en Pontevedra.

Neste sentido, César Mosquera insistiu en que a instalación dos sinais identificativos destas zonas "só responde a unha petición da DXT", para que se homologuen estes distintivos en todo o país, e aclarou que a súa aparición nas vías urbanas pontevedresas "non vai cambiar nada" xa que os condutores poderán seguir circulando pola cidade "como levan facendo nos últimos anos", xa que a "terceira vía" aprobada para Pontevedra non obriga a pagar por circular nin a ter vehículos con eco etiquetas para acceder a estas zonas de baixas emisións.

Con respecto ao "choque normativo" que poidan ter aqueles condutores que procedan doutras cidades cun modelo diferente, Mosquera recoñeceu que pode ser así, "como xa pasa agora" coas áreas definidas como de prioridade peonil, polo que estas persoas "terán que informarse e comprobar as limitacións", unha circunstancia que o edil do BNG ve "inevitable" para cumprir a lei.

A senadora do BNG Carme da Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
A senadora do BNG Carme da Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta