Por Europa Press / Redacción | VIGO | 20/12/2023 | Actualizada ás 18:56
A sede do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) acolleu este mércores a presentación do proxecto europeo HI_MOV, que pretende impulsar un corredor tecnolóxico transfronteirizo de mobilidade con hidróxeno renovable, e no que participan, ademais do propio CTAG, varios centros tecnolóxicos, universidades, empresas e administracións de Galicia e de Portugal.
Esta iniciativa pretende articular un "ecosistema transfronteirizo" que impulse na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal unha cadea de valor en torno ao hidróxeno, contribuíndo a unha mobilidade sustentable baseada en fontes de enerxía renovables.
HI_MOV desenvolverase ao longo de 36 meses e permitirá analizar as potencialidades do hidróxeno renovable como vector de mobilidade, mellorar a capacitación e o posicionamento tecnolóxico das entidades da eurorrexión na industria emerxente que rodea esta forma de enerxía, así como desenvolver conxuntamente solucións baseadas no hidróxeno e levar a cabo probas piloto para demostrar a súa viabilidade.
O proxecto contará con catro áreas de traballo: observatorio Tecnolóxico para analizar as potencialidades do H2 renovable como vector de mobilidade e modelar a rede de H2 no eixo Galicia-Norte de Portugal; fortalecemento do Ecosistema e capacitación para crear unha rede de coñecemento e o posicionamento tecnolóxico das entidades da Eurorrexión; desenvolvemento de solucións tecnolóxicas nos ámbitos de almacenamento, distribución e uso en mobilidade; e pilotos demostrativos para probar a viabilidade das tecnoloxías de subministración, distribución e loxística de última milla con H2 no espazo transfronteirizo.
O acto de lanzamento de HI_MOV contou coa participación do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Pablo Fernández Vila; o director do CTAG, Luís Moreno; o director da Axencia Europea de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida; ou o coordinador rexional de POCTEP, Xosé Lago, entre outras autoridades.
Luís Moreno lembrou que, "no contexto da mobilidade, seidentifica ao hidróxeno como a mellor solución para o caso de uso de vehículos onde o uso de baterías é menos conveniente, como vehículos semipesados, furgonetas, maquinaria pesada, autobuses, frotas cativas e tamén vehículos convencionais, dado que ofrece unha autonomía equivalente e unha recarga moi rápida".
Pola súa banda, Pablo Fernández Vila destacou o "potencial" de Galicia e o Norte de Portugal con respecto ao hidróxeno verde, e instou a "aproveitar a oportunidade" para situarse como rexión referente en xeración, almacenamento, consumo e tecnoloxías relacionadas con esta fonte de enerxía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.