Listo o protocolo que prohibirá os móbiles en centros escolares galegos á volta de vacacións

Contempla excepcións, como por razóns médicas, e mantén a posibilidade de que sexan usados con fins pedagóxicos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/12/2023 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A Xunta ten listo xa o protocolo que prohibirá o uso de teléfonos móbiles nos centros educativos galegos á volta das vacacións de Nadal durante toda a xornada, máis aló dos períodos lectivos, durante os cales non está permitido o seu emprego desde o ano 2015.

A extensión da limitación, aprobada no Consello da Xunta este mes de decembro, será efectiva co regreso ás aulas o próximo 8 de xaneiro, como así o establece o protocolo que será remitido aos centros e publicado no portal de Educación. Este venres, técnicos da Consellería de Educación mantiveron un novo encontro con representantes dos centros escolares e das asociacións de pais e nais para abordar este asunto.

A normativa recollerá unha serie de excepcións que permitirán o emprego do teléfono móbil, como por razóns médicas ou outros motivos que, en todo caso, deberán contar coa autorización da dirección do centro. Tamén se contemplan que poidan usarse con fins pedagóxicos baixo a supervisión do profesorados.

Deste xeito, o móbil quedará prohibido nas entradas e saídas do centro, os recreos, as horas de comedor e as actividades extraescolares. Esta limitación xa operaba na actualidade en tres de cada catro centros galegos, pero agora terá carácter xeral para todos os colexios e institutos sostidos con fondos públicos para avanzar cara a "un uso seguro e saudable" das novas tecnoloxías a través do fomento da convivencia.

Segundo explicou a Xunta nun comunicado, os centros que imparten ensinos de formación profesional de grao superior, de réxime especial (escolas de idiomas ou conservatorios) e de estudos para adultos poderán non aplicar a prohición se o consideran.

Un grupo de nenos diríxese a entrar ao CEIP Paradai, en Lugo / Carlos Castro - Europa Press - Arquivo. / Europa Press
Un grupo de nenos diríxese a entrar ao CEIP Paradai, en Lugo / Carlos Castro - Europa Press - Arquivo. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta