A necesaria renovación do PSOE

A socialdemocracia europea, e tamén a española, foi cedendo, nos últimos anos, na fidelidade ao seu ideario, que comprometía aos partidos socialistas coa igualdade, coa defensa dos traballadores e dos servizos públicos e coa mellora do Estado de benestar, e que os debería posicionar, con total firmeza, fronte ao poder das oligarquías financeiras e fronte ás tramas dominantes -corruptas ou non- de calquera índole.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 23/07/2015

Comparte esta noticia
A excesiva permanencia no poder, a influencia -tan potente- dos poderes económicos, a chegada de "arribistas" aos postos de mando en busca de beneficio persoal, e certa frivolidade no exercicio do liderazgo: todos estes factores, e outros que non cito, levaron a que o PSOE, na vez de estar posicionado á beira dos traballadores -e impulsar políticas para a reducción da desigualdade e a mellora da protección social-, deixouse vencer para situarse, de forma maioritaria, á beira dos poderosos, favorecendo os seus intereses e executando políticas que perxudican á maioría e aos máis necesitados.
 
Rodriguez Zapatero, que na primeira parte do seu mandato adoptou decisions e impulsou medidas de gran relevancia política e social (a retirada das tropas de Irak, as leis de dependencia e do aborto, as políticas de igualdade, o matrimonio homosexual), caeu despois na frivolidade e, na segunda  lexislatura, cedeu ante os poderes fácticos europeos e autorizou medidas contrarias aos intereses da maioría social (modificou a Constitucións -despois dun contubernio nocturno con Rajoy-, e impuxo a primeira Reforma Laboral coa que  iniciou a laminación dos dereitos dos traballadores). Agora o PSOE é refén destes e doutros erros recentes, que pesan coma unha lousa, e non lle permiten recuperar a confianza dos seus antigos votantes.
 
O novo líder do partido, Pedro Sánchez, iniciou o seu mandato tentando dar unha imaxe de renovación e modernidade. Pero hai certas sinais que non permiten alimentar a confianza. Nun recente artigo advertíase sobre os conflitos de interese do chamado "goberno na sombra" do PSOE. Os poderosos lazos de Jordi Sevilla -responsable de Economía- coa consultora PwC (que traballa asiduamente co PP e elabora documentos, cada ano, nos que  dibuxa a "folla de ruta" para a privatización sanitaria en España), e as posicións coñecidas de Rafael Bengoa -responsable de Sanidade-, que se manifestou a favor de realizar unha "profunda cirurxía no SNS" e dirixe unha escola de "Negocios y Salud" na Universidade de Deusto (xesuítas), deixan ao descuberto as intencións reais deste partido: continuar coa política de recortes  e privatizacións levada a cabo ata agora polo PP.
 
Tamén é dificil de entender que designe como responsable de "transparencia e ética empresarial" a Silvina Bacigalupo, defensora do abogado de Correa (caso Gürtel), que tamén traballa no despacho Oliva-Ayala –que asesora a Rodrigo Rato-, e que defende a Rosell polo "caso Neymar" e a Messi polos seus problemas coa Facenda Pública.  E non resulta nada tranquilizador saber que a persoa elexida para coordinar o programa electoral do PSOE é Meritxell Batet, casada con José María Lassalle, colaborador habitual de FAES, secretario de Estado de Cultura e home da máxima confianza de Rajoy. Meritxell Batet participa nunha tertulia política na que, con frecuencia, defende posicións moi próximas ás do representante do PP.
 
O PSOE é un partido necesario, eu diría que imprescindible, para desaloxar ao Partido Popular, recuperar as institucións e poñelas ao servizo das maiorías. O PP ocupou  o poder, no goberno central e en moitas autonomías, para exercelo en beneficio das élites económicas e dos especuladores financeiros. O PSOE cometeu erros graves, que achandaron o camiño para que a dereita tomase o poder. Os cambios neste partido non poden ser só cosméticos. Non abonda coa xuventude e a aparente modernidade. Cómpre recuperar os principios fundacionais deste partido, tan importante na historia recente do país, e convertelo, de novo, nun instrumento ao servizo do pobo e dos traballadores. Do contrario o PSOE condenarase a unha longa travesía do deserto e o país perderá un activo político moi importante nestes tempos tan convulsos. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.