O BNG esixe a comparecencia de Rueda para explicar as medidas ante o "gravísimo colapso" de Urxencias pola gripe

"Cremos necesaria esa comparecencia para que o presidente explique que están a facer ante esta situación de auténtica saturación", dixo a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, que lembrou que "o pico de gripe aínda está por chegar" e a situación é xa "insustentable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2024 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O BNG esixiu este xoves a reunión da deputación permanente da Cámara galega para acordar a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co obxectivo de que explique "que medidas tomou ou vai tomar" o Goberno galego ante o "gravísimo colapso sanitario" que se vive en Primaria e Urxencias.

"Cremos necesaria esa comparecencia para que o presidente explique que están a facer ante esta situación de auténtica saturación", dixo a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, que lembrou que "o pico de gripe aínda está por chegar" e a situación é xa "insustentable". Para a deputada nacionalista, a "fotografía" da situación sanitaria en Galicia "é moi preocupante", con "listas de espera de semanas en centros de saúde", PAC "sen equipos necesarios para atender a demanda" e "esperas de ata tres e catro horas".

Como exemplo, Prado mencionou o PAC de Cangas, "permanentemente saturado", o de Moaña, "sen servizo de Urxencias", o de Tomiño, onde están activos "dous médicos no canto de oito" ou o de Marín, "con demoras de ata 22 días para algúns dos facultativos". A isto, engádese "a situación do servizo de ambulancias do 061" que é "insuficiente". "Durante este aumento das asistencias por procesos respiratorios, están a chegar tarde continuamente", apuntou Prado.

Con esta situación, engadiu a nacionalista, "cando a xente necesita atención e non pode acceder a un médico de cabeceira, vai aos servizos de urxencias, que están completamente saturados". "Na Xunta non queren falar de colapso, pero a ver se lles vale 'saturados' ou 'ao límite'", indicou Prado, que denunciou que centros como o CHUAC teñen "permanentemente persoas asistidas nos corredores" e un número de asistencias "insustentable".

Detrás de "esta radiografía", apuntou, hai "profesionais ao límite" e "unha poboación desatendida", algo que deriva, na súa opinión, "de ter un sistema sanitario constantemente en mínimos". "O aumento de enfermidades respiratorias é previsible, sábese que vai chegar, e hai que anticiparse a esta situación", finalizou Prado.

URXENCIAS DO HULA

Ademais de a nivel autonómico, o BNG, a través da súa deputada Carme Aira, denunciou de forma particular "a situación de saturación" que viven as urxencias do HULA, onde "hai pacientes que están a esperar 24 horas nos corredores de Urxencias". "É esencial blindar a sanidade, rescatar o sistema público de saúde de Galicia despois de 14 anos de recortes do Partido Popular", dixo a deputada, que vinculou "a sobresaturación dos servizos de urxencias coa situación precaria da atención primaria e da rede de Puntos de Atención Continuada".

"Moita xente non ten acceso a unha atención médica no seu centro de saúde do seu concello, precisamente pola habitual falta de persoal, o que fai que as persoas teñan que asistir ás urxencias hospitalarias para ser atendidas", dixo. Tamén a CIG Saúde denunciou a situación en Urxencias do HULA, asegurando que a pasada quenda de noite quedaron nove enfermos pendentes de ingreso e sete pendentes de pasar a observación. "Non se entende que, estando supostamente no pico de gripe, o hospital siga mirando para outro lado, e permita o colapso que está a sufrir este servizo desde hai meses", criticou.

A deputada do BNG Montse Prado
A deputada do BNG Montse Prado | Fonte: Europa Press

URXENCIAS EN SANTIAGO

Por outra banda, o secretario xeral do PSOE de Santiago, Aitor Bouza, denunciou a situación de "caos" que se vive nas urxencias hospitalarias da cidade e tamén instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a pór unha solución. Nunha rolda de prensa celebrada este xoves na sede do PSOE local, Bouza atribuíu a saturación das urxencias hospitalarias, que coinciden cos picos dos virus respiratorios, á deterioración da atención primaria.

"Chegamos a este caos porque cando pedimos cita ao noso médico de cabeceira non temos a posibilidade de acceder porque non hai profesionais que nos atenda e, ao final, o caos da primaria trasládase ás urxencias", dixo. Fronte a este "modelo do PP", Aitor Bouza defendeu un "cambio" na Xunta o próximo 18 de febreiro para "acabar coas políticas" este tipo de políticas e pór solucións que atallen o problema da sanidade pública galega. Ademais, preguntouse polo que ten que dicir o Partido Popular de Santiago ante o que cualificou de "auténtico caos" nun servizo "básico" para a cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta