Vicente Álvarez, psiquiatra: "Non por recibir axuda psicolóxica somos máis débiles ca o resto"

Con motivo do Día Internacional contra a Depresión abordamos diferentes estereotipos relacionados coa saúde mental que imperan na sociedade.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 13/01/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O 13 de xaneiro é o Día Internacional contra a Depresión e aínda que cada vez se fala máis e se conciencia da importancia da saúde mental. "Todo o mundo sofre psicolóxicamente e iso non quere dicir que sexa patolóxico e nos non só estamos para tratar trastornos graves", expón Vicente Álvarez, psiquiatra do Sergas na área sanitaria de Pontevedra-Salnés. Leva seis anos traballando nesta área tanto con nenos como con adultos. Uns días ao mes pasa cita con adultos e a segunda metade do mes, aproximadamente, cos nenos. "O que podo dicir é que nos últimos anos temos máis derivacións, e na miña opinión, está chegando máis xente, está chegando moito peor e o outra que, dende a pandemia, xestiona moito peor as emocións e as situacións sociais", recoñece e engade que cousas que antes non chegarían a ser algo patolóxico, "actualmente a sociedade está máis cansa e non ten a resiliencia suficiente para aguantar máis golpes".  Ante isto, xera máis ansiedade, máis clínica psiquiátrica. 

Depresión
Depresión | Fonte: Gabriel Lamela

"OS PSIQUIATRAS NON SÓ TRATAMOS Á XENTE TOLA"

Vicente recoñece que "practicamente non se sabe diferenciar o que é un psicólogo dun psiquiatra". Considera que hai moitísima incultura a nivel de saúde mental e segue sendo un tema tabú, aínda que cada vez menos, e que a xente cando acode a un psicólogo ou psiquiatra "non sabe que esperar". Na sanidade pública, según explica, un vai ao médico de cabeceira, que te deriva a saude mental e, logo, xa se elixe si serás tratado vía psiquiatría ou psicoloxía. "A realidade é que somos máis psiquiatras que psicólogos no Sergas, entón nos collemos unha gran parte das citas e isto ten que cambiar xa", expón. Fundamentalmente, os psicólogos fan psicoterapia e os psiquiatras baséanse na psicoeducación máis básica e dan receita. 

Cando a clínica é leve afirma que o ideal é non tratar con fármacos ou químicos. "Cando vas a un psicólogo non só escoita, é unha das cousas que a xente pensa. Se tes unha boa rede social esa tamén te pode escoitar e comprender. Se chamas a un psicólogo axudarache a comprender e vaiche dar as ferramentas para xestionar o teu malestar e a túa situación da mellor maneira posible". Sinala que cando chegan aos psiquiatras xa non son casos tan leves. "Moitos teñen "a crenza de que os psiquiatras só tratamos á xente tola". Conta que lle chegou á consulta, nunha ocasión, un rapaz que tiña medo de que collera terapia electrocompulsiva e a aplicase con el. É anecdótico, pero di que en dúas ou tres ocasións, había xente que tamén sentía medo de que se lles ingresase nun psiquiátrico. 

En canto ás pastillas, comenta que "poucas veces ou ningunha curan". Vicente apunta que, en 2021, o 27% das depresións foron producidas por problemas do traballo: un aumento do ritmo, estrés, mal ambiente... "Unha persoa que teña estrés laboral chega a miña consulta e, por moitas pastillas que lle dea, non lle vai arranxar o seu problema. A solución sería cambiar as condicións do traballo, non unha pastilla. Esas persoas que cren que esa pastilla lles vai cambiar a vida empezan mal, porque ese tratamento estabilizará os seus ánimos e baixar os síntomas como a ansiedade, malestar interno, axudar co sono, que chore, ter medo... O problema seguirá aí". Como profesional, o psicólogo outorga ferramentas para xestionar o malestar, pero "mentres que esa persoa non faga nada ou deposite o control da situación nunha pastilla" di que non "vai servir de moito, por desgraza e o problema son as expectativas que ten a xente". 

A IMPORTANCIA DE NORMALIZAR CUIDAR A SAÚDE MENTAL

Este profesional afonda noutro estereotipo e na necesidade de normalizar. "Todo o mundo sofre psicolóxicamente e iso non quere dicir que iso sexa patolóxico. Por exemplo, cando nos deixa a nosa parella ou cando morre algúen próximo, é normal sufrir. Hai veces que o sufrimento é demasiado forte e nos pode e nese intre xa se precisa axuda".

"Non estamos só 'xente tola', non me gusta esa forma de falar, non estamos só para os trastornos mentais graves, estamos para axudar á xente que sofre psicolóxicamente. Como calquera médico, nos especializados no sufrimento mental. Chegar a un profesional da saúde mental é realmente algo tan normal ir ao fisioterapeuta, podólogo ou a enfermeira. A mente é unha das tres partes que nos define, mente, corpo e a nosa contorna". Quere normalizar iso, que o sufrimento psicolóxico é algo normal e chegado a un punto tamén hai que pedir axuda. "Non por recibir axuda psicolóxica somos máis débiles ca o resto", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

A miña vida e un desorden. Son persona PAS, o meu corazón pode coa miña razón. Cómo podo fortalecerme?. Un saudo