18F.- Pontón defende que Galicia necesita "algo diferente, unha muller na Presidencia"

A nacionalista insta a Rueda "a non menosprezar a intelixencia dos galegos" coas súas "mentiras" sobre a vertedura de pélets.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2024 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O BNG celebrou este sábado a última reunión do Consello Nacional antes das eleccións, no que se aprobaron unhas listas continuistas nas que repiten a práctica totalidade de deputados que acompañaron na última lexislatura á líder nacionalista, Ana Pontón, que defendeu que "o que non funciona non se cambia".

Na súa intervención tras a celebración do órgano de dirección da formación frontista, Pontón subliñou que o Bloque conta con "as mellores candidaturas" para canalizar o voto do "cambio útil" e ofrecerlle a Galicia "a vitoria dun cambio necesario urxente e que é agora". Unhas candidaturas coas que, para a candidata á Presidencia da Xunta, o BNG "gaña impulso coas novas incorporacións" e, á súa vez, apostan polo "inmenso caudal da experiencia".

Segundo declarou Pontón nesta última reunión "o que funciona non se cambia" e a experiencia "é un gran valor e un gran activo para liderar o próximo goberno de Galicia". Ademais, afirmou que os candidatos son "persoas preparadas e de todos os ámbitos", unha candidatura "diversa, plural e integrada, como a poboación galega".

Por iso, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará renovan como cabezas de cartel en Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, mentres que na Coruña será Mercedes Queixas a número dous na lista encabezada pola propia Pontón. Así mesmo, a candidata á presidencia incidiu en que "este é o momento do BNG", o momento da "forza útil do cambio en Galicia, a esperanza e a ilusión para todas as persoas que queren abrir un novo tempo" e asegurou que se "deixarán a pel" para "ofrecer a vitoria" do cambio o 18F.

"BATALLITAS MADRILEÑAS"

Tamén recalcou que as eleccións "van de Galicia, non das batallitas madrileñas" e que é a oportunidade para que os galegos coloquen á comunidade "no lugar que lle corresponde" nun goberno liderado polo BNG tras 40 anos nos que o país tivo seis presidentes "todos homes e todos de forzas estatais, que non foron capaces de darlle a Galicia o lugar que lle corresponde".

Por iso, cre que "é o momento de apostar por algo diferente, por unha muller na Presidencia e unha forza libre de ataduras", para, deste xeito, darlle a Galicia un goberno "sen ataduras nin servilismos a Madrid". Nesta liña, fixo un chamamento a "non perder votos do cambio" e lograr que confíen no Bloque para "derrotar ao Partido Popular" incluso aqueles que elixiron outras papeletas nas anteriores eleccións coa meta de que "Galicia poida avanzar fronte aos 14 anos de retrocesos do PP".

"É O MOMENTO DO BNG E O PP SÁBEO"

A candidata nacionalista declarou que "chegou o momento do BNG e o PP sábeo" e é por iso que "entrou directamente en pánico". "Só así se explica unha xestión tan incompetente, chea de mentiras e irresponsable", engadiu en alusión á xestión da Xunta sobre a vertedura de pélets, na que, ao seu xuízo, replicaron "punto por punto o nefasto protocolo do Prestige".

Así, recomendoulle ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "non menosprece a intelixencia dos galegos tentando tapar con mentiras e insultos a súa nefasta xestión do desastre ambiental". Pontón concluíu coa advertencia de que o que "prexudica á imaxe de Galicia é un goberno do Partido Popular sen rumbo, noqueado, superado polas circunstancias, incapaz de xestionar a crise e que deixou só ao sector do mar e do marisqueo".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén tras o Consello Nacional que aprobou as listas para o 18 de febreiro
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén tras o Consello Nacional que aprobou as listas para o 18 de febreiro | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta