A industria da madeira e o moble de Galicia facturou 1.744 millóns de euros en 2014

Confemadera di que as masas forestais é unha fonte de riqueza que podería ser “aínda maior” porque aínda hai 600.000 hectáreas susceptibles de converterse en produtivas.

Por GC Emprende | Compostela | 02/08/2015 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A industria da madeira e o moble de Galicia pechou o ano 2014 cunha facturación global de 1.744 millóns de euros, o que representa un crecemento do 4,5% respecto ao ano 2013, segundo recóllese no Informe de Resultados de Confemadera Galicia 2014.

Operarios de ENCE trafegando madeira
Operarios de ENCE trafegando madeira | Fonte: ence.es

O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, defendeu o liderado de Galicia neste sector, xa que é a Comunidade Autónoma máis exportadora con 749,9 millóns de euros en 2014 e representa o 25,8% do total das exportacións dos produtos da madeira e o moble de España. 

Elier Ojea destacou que a industria da madeira e do moble proporciona traballo a uns 20.000 profesionais de modo directo e até 50.000 de maneira indirecta. Ademais, ten “un impacto social significativo, cun beneficio directo nas familias galegas, sobre todo no ámbito rural”. Segundo explicou, o monte mantense como ?unha fonte de recursos importante para as economías domésticas, xa en 2014, máis de 70.000 familias cortaron madeira, pola que percibiron ao redor de 280 millóns de euros”.

As masas forestais, un investimento de futuro

O presidente de Confemadera Galicia subliñou que estes datos “confirman que as masas forestais son unha fonte de ingresos e un investimento de futuro para Galicia”, que podería ser “aínda maior” porque aínda hai 600.000 hectáreas susceptibles de converterse en produtivas.  Por iso, apelou ao conxunto da sociedade galega para defender este sector, xa que se trata “dunha aposta rendible e sustentable”. “Para nós e para as futuras xeracións”, agregou.

Madeira lista para ser procesada
Madeira lista para ser procesada

O Informe de Resultados 2014 tamén revela que a facturación en todas as actividades industriais da primeira transformación da madeira creceu; os rematantes pecharon o ano pasado cun volume de negocio de 404 millóns de euros, 12 millóns máis que no exercicio anterior (un 3,06% máis) e os serradoiros galegos facturaron 297 millóns de euros, 43 millóns máis (17%); e  a industria de taboleiro e pasta alcanzou unha facturación de 685 millóns, 32 máis que no 2013 (5%). A facturación conxunta da primeira transformación suma 1.386 millóns de euros, un 12,7% máis que no exercicio anterior.

Respecto da industria da segunda transformación (industria de carpintaría e mobiliario), a súa facturación sumou 358 millóns de euros en 2014, un 3% menos que no exercicio anterior.

Os principais produtos exportados son: pasta para papel, taboleiros de fibra, mobles e madeira en bruto. Os portos galegos benefícianse desta actividade exportadora, xa que 12 dos 18 portos galegos exportan madeira. Cabe destacar que, no conxunto dos portos galegos, os tráficos de madeira creceron un 4,3%, desde o ano 2012.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta