Queres saber canto radón ten a túa casa? E como se remedia?

O experto Alberto Ruano ensína as claves para solicitar a medición e como solventar esta problemática que afecta ao 70% de Galicia.

Por Amanda Fernández | Compostela | 28/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Co Plan Nacional de Radón, aprobado polo Consello de Ministros a primeiros de 2024, existe unha guía de actuación cunha serie de eixes. "Trata de nalgúns aspectos avanzar na caracterízación do radón a nivel nacional, reducir a súa exposición a nivel global para a poboación xeral e traballadores", comenta Alberto Ruano Raviña, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e do Laboratorio de Radón de Galicia. 

Mapa de España de zonas con radón
Mapa de España de zonas con radón | Fonte: Consello Seguridade Nuclear (CSN)

Altas concentracións deste gas aumentan a propabilidade de padecer cancro de pulmón co paso do tempo segundo varios estudos. "Hai que darse conta de que esta cuestión do radón é importante, pero tampouco xerar alarmas. É un elemento natural que aumenta o risco de padecer cancro de pulmón, é un aumento probabilístico. Afortunadamente non toda a xente que se expón ao radón desenvolverá esta enfermidade, senón unha porcentaxe moi pequena", chama á calma o experto. No mapa de radón de Galicia, elaborado polo Laboratorio de Radón de Galicia, realizaron 6080 medicións nas vivendas galegas. Conclúen que o 70% do territorio ten altas concentracións deste gas. O 18% dos fogares galegos analizados superan os límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Agora, unha vez consultamos o mapa, que pasa se apreciamos que vivimos nunha zona en vermello (posiblemente Ourense ou Pontevedra?

COMO SE MIDE O GAS RADÓN?

Coñece a poboación como actuar ante o radón? O catedrático expón que están facendo un proxecto de ciencia cidadá, no que colaboran persoas de a pé anónimas coa finalidade de facer unha guía informativa de actuación. "É moi necesario". Menciona que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ten precisamente unha guía de actuación xa elaborada.

A medición de radón di o experto que é sinxela e barata e que hai varios métodos de medición, pero que só un ten "validez legal" que se demonina 'de trazas'.  Explica en que consiste: "Ten que conectarse un detector no lugar que se queira medir, durante tres meses, posteriormente obtense a concentración de radón que é anualizada. A lexislación española é o único método de medición que admite e todo posto de traballo ou vivenda debe medirse cun método de trazas". De igual modo destaca que non calquera pode medir radón, senón que debe facerse en "laboratorios acreditados". Segundo o IGVS, serían laboratorios que realicen estas medicións por estar acreditados de acordo coa Norma ISO/IEC 17025 pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). Por exemplo, o Laboratorio de Radón de Galicia está acreditado para a medición. Unha vez se coñece a concentración, se é superior aos 300 bq/m3 é cando a "empresa ou particular" toma a decisión de reducila e contacta cunha empresa eespecializada para iso. 

Captura das recomendacións para mitigar o radón, do Instituto Galego de Vivenda e Solo
Captura das recomendacións para mitigar o radón, do Instituto Galego de Vivenda e Solo | Fonte: IGVS

E COMO SE REDUCE A CONCENTRACIÓN DE RADÓN?

"Como non é algo novo, sabemos ben como reducir o radón nun espazo pechado. Todo depende de en canto se exceda a concentración", explica Ruano que engade que de ser moi superior a mellor opción pasa por "despresurizar o terreo, atraer o radón que está subindo desde a superficie a un punto determinado, que se crea, chamado 'arqueta de succión' e desde aí expúlsase ao exterior". 

Hai outras solucións como o sellamento de gretas ou fisuras "por onde estea penetrando o gas", ou "láminas anti radón para colocar na parte baixa da vienda que están testadas" ou determinados sistemas de ventilación forzados con impulsión de aire para "crear unha presión positiva na vivenda e así dificultar a entrada de gas que vén de abaixo". Os prezos varían, pero para o investigador é importante que non se cobre unha cantidade excesiva pola despresurización ou pola arqueta de succión. "Esta é outra das cuestións contempladas no Plan Nacional contra o Radón para regular quen fai remediación de radón, xa que medilo é barato e o que sae máis caro é remedialo, cando se superan os 300 bq/m3", conclúe. 

Mapa de radón de Galicia
Mapa de radón de Galicia | Fonte: CRETUS e Laboratorio de Radón de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta