Temas: FRASEOLOXíA

“A Deus orando, pero co arado arando”, equivalente, entre outras, ó castelán “a Dios rogando, pero con el mazo dando”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 21/01/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A fin de lle recomendar a alguén que faga o posible para conseguir da súa man aquilo que desexa, sen se encomendar única e exclusivamente á axuda divina, en castelán é corrente recorrer ó refrán A Dios rogando, pero con el mazo dando.

Igrexa católica, misa, relixión, templo. EUROPA PRESS - Arquivo
Igrexa católica, misa, relixión, templo. EUROPA PRESS - Arquivo

En galego contamos con paremias que dan conta dese mesmo contido, como imos ver deseguido:

A Dios rogando, pero con el mazo dando

{= Refrán con que se lle recomenda a cadaquén facer o posible para conseguir da súa man aquilo que desexa, sen deixalo todo de conta da axuda divina.}

A Deus orando, pero co arado arando

A Deus rogando, pero co mazo dando

A Deus orando, pero co martelo dando

A Deus orando, pero co mallo dado

[E MAIS]:

En Deus espero, pero entrementres arrendo (as miñas terras)

En Deus espera, pero entrementres arrenda (as túas terras)

Ex.: El Gobierno confía en la buena voluntad de patronal y sindicatos para llegar a un acuerdo, pero a Dios rogando y con el mazo dando, de ahí que esta misma semana haya convocada un reunión para intentar poner en común ciertas cuestiones que pueden resultar un tanto peliagudas.

O Goberno confía na boa vontade de patronal e sindicatos para chegar a un acordo, pero a Deus orando e co arado arando a Deus rogando e co mazo dando a Deus orando e co martelo dando a Deus orando e co mallo dando en Deus espero e entrementres arrendo.

● Tamén, aplicable segundo en que contextos, e incidindo basicamente na mesma idea:

Dios dijo: “ayúdate, que yo te ayudaré” && Ayúdate tú, que Dios te ayudará

Deus di: “axúdate, que eu che/te axudarei” && Axúdate ti, que Deus che/te axudará && Dá(lle) Deus ventura a quen a procura

● E inda, tamén en contextos, e nesta mesma liña:

Dios no ayuda a quien no se ayuda && Dios ayuda a los que se ayudan

Deus non axuda a quen non se axuda && Deus axuda ó que se axuda

● E mesmo, formando enunciado de seu, gardando certa relación e se cadra aplicable nalgún ca noutro contexto de xeito residual:

Foi pedir a Deus consello para vivir con alegría. Deus mirou para a terra e dixo: traballa, sementa e cría

NOTAS:

1. Tal e como se pode comprobar nos exemplos, pódese empregar a conxunción copulativa e no canto da conxunción adversativa pero (ou tamén mais) que fai a función de nexo entre as dúas partes da oración no primeiro grupo de paremias reflectidas.

2. Polo que atangue ás paremias en Deus espero, pero entrementres arrendo (as miñas terras) e mais en Deus espera, pero entrementres arrenda (as túas terras), entendemos que ese verbo arrendar non está empregado como sinónimo de alugar, senón que remite a algunha das accións relacionadas co traballo da terra.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Centro Virtual Cervantes: Refranero multilingüe. Consultado no URL seguinte: https://cvc.cervantes.es/lengua/refranero/

- Conde Tarrío, Germán: Diccionario de refráns. Correspondencias en castelán e francés. Editorial Galaxia, Vigo, 2001

- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Pereira Ginet, Tomás: “Fiando paremias (I): glosario paremiolóxico multilingüe galego, portugués, castelán, francés, italiano e inglés”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 191-223. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta