Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 14:54
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclamou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, "celeridade" para activar o proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) da cadea Mar-Industria, ante a "falta de concreción". Así o sinalou nunha visita realizada este martes ás instalacións da empresa conserveira e de conxelado Frigomar Burela, onde dixo que este Perte está "comprometido", pero o sector leva case dous anos esperando despois da súa exclusión do Perte Agroalimentario.
Para Villares, esta convocatoria de axudas é "fundamental" para que as empresas poidan acceder a fondos europeos que resultan "estratéxicos" para a realización de "importantes investimentos" que fagan posible continuar coa transformación e mellorar os seus procesos produtivos e a súa competitividade.
Nesta liña, segundo recolle a Xunta nun comunicado, mostrou a súa preocupación pola "falta de novidades e concreción" por parte do propio ministro Planas na súa última comparecencia na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Congreso dos Deputados.
O concelleiro considera esta situación un "incumprimento máis" do Goberno coa industria pesqueira, que se suma a que non se coñeza aínda a resposta do Executivo á petición de declarar zona catastrófica para os bancos de marisco afectados polas intensas precipitacións do outono, que provocou unha alta mortalidade do xénero.
"Esta parálise está a xerar aínda máis incerteza nun contexto económico especialmente complexo pola elevada inflación, os efectos da invasión rusa de Ucraína ou a alza dos custos de financiamento", engadiu Villares.
Durante a súa visita, o titular de Mar tamén tivo tempo para destacar o labor de Frigomar, que conta con máis de 40 anos de traxectoria "ofrecendo o mellor pescado e marisco galego aos seus clientes cunha aposta decidida pola innovación tecnolóxica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.