Temas: FRASEOLOXíA

“Mexar fóra do cacho # do ouriñal # do penico”, fraseoloxismos galegos equivalentes ó castelán “mear fuera del tiesto”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 04/02/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar a entender que unha persoa fai ou di algo que temos por bastante inconveniente ou molesto, ou mesmo groseiro, ou incluso algo que non ten sentido ningún, que non vén nada ó caso nin a conto ou que está fóra de lugar, en castelán recórrese en non poucas ocasións –e normalmente, inda que non sempre, asociada a ámbitos comunicativos coloquiais e familiares– á secuencia fraseolóxica mear fuera del tiesto.

Baños na Praia das Catedrais
Baños na Praia das Catedrais | Fonte: Concello de Ribadeo

Vexamos a seguir secuencias galegas de significado equivalente:

Mear fuera del tiesto

Salir(se) por peteneras

{= Facer ou dicir algo bastante inconveniente e/ou molesto, ou mesmo groseiro, ou ben algo que non ten sentido ningún, que non vén ó caso nin a conto, que non procede ou que está fóra de lugar.}

Mexar fóra do cacho # de cacho

Mexar fóra do ouriñal

Mexar fóra do penico

Ex.: Me parece, chico, que estás meando fuera del tiesto cuando dices que estás a favor de la igualdad entre todas las personas pero odias a las feministas.

Paréceme, meu, que estás a mexar fóra do/de cacho que estás a mexar fora do ouriñal que estás a mexar fóra do penico cando dis que estás a favor da igualdade entre todas as persoas pero odias as feministas.

Ex.: Procura actuar con calma y moderación y sin mear fuera del tiesto, así que no se te ocurra levantar la voz ni proferir insultos.

Procura actuar con calma e moderación e sen mexar fóra do cacho e sen mexar fóra do ouriñal e sen mexar fóra do penico, así que non se che ocorra levantar a voz nin proferir insultos.

● Tamén, sobre todo para dar a entender que alguén que estaba calado se introduce nunha conversa para dicir algo inconveniente, que non ten xeito ningún ou que non vén ó caso:

Saír do niño e botar a palla fóra

Ex.:Pues yo sí que estoy a favor de la igualdad, pero no del feminismo. ¡Hala, ya salió el otro a mear fuera del tiesto”: entérate, tío, las feministas lo que quieren es precisamente la igualdad entre sexos.

Pois eu si que estou a favor da igualdade, pero non do feminismo. ¡Ala, xa saíu o outro do niño e botou a palla fóra!: entérate, llou, as feministas o que queren é precisamente a igualdade entre sexos.

● E inda, neste caso con posiblemente maior carga coloquial, ou mesmo vulgar:

Cagar fóra da pota

NOTAS:

1. A voz normativa ouriñal está rexistrada, tanto de xeito oral coma no traballo “Rabusco”, de Xulio Cuns Lousa, coa variante ouriñol.

2. Lembremos que en castelán a secuencia fraseolóxica salir(se) por peteneras (que en principio parece que quizais poda ter menor carga coloquial ca mear fuera del tiesto) tamén presenta outra significación, posiblemente máis coñecida e con maior uso ca esta da que estamos a dar conta no presente artigo.

3. A expresión cagar fóra da pota, rexistrada oralmente na zona de Cuntis, chamoume moito a atención. Consultado o Dicionario de Dicionarios da lingua galega, vin que o profesor Constantino González, no seu Glosario de voces galegas de hoxe, recolle esta voz en diversos puntos de Galicia –e alén do seu significado, máis xeneralizado, de “olla”– e ademais da súa como “cazuela de barro o porcelana”.

Simplemente por elucubrar, pois non temos información fidedigna ó respecto: ¿será que nalgúns lugares recibía a denominación de pota o recipiente onde, por exemplo, unha persoa enferma que non puidese saír da casa facía os seus mandados?

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Martínez Seixo [agora, Martíns], Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta