Rego pide a gratuidade da AP-9 entre Cabanas e Miño mentres duren as obras da N-651 en Pontedeume

Segundo Rego, esta rehabilitación é "moi necesaria" polo avanzado estado de deterioración que sofre a vía, pero tamén "vai afectar de maneira significativa" ás conexións na comarca do Eume, pois o tramo de vía afectado une dous concellos "intimamente ligados en termos sociais, comerciais e de servizos básicos".

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 05/02/2024 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou que esta formación política presentará unha iniciativa parlamentaria para reclamar a gratuidade da autoestrada AP-9 entre Cabanas e Miño mentres duren as obras de mellora sobre a ponte de pedra que une, a través da estrada N-651, as localidades de Cabanas e Pontedeume, e que está previsto que se prolonguen durante un ano e medio.

Segundo Rego, esta rehabilitación é "moi necesaria" polo avanzado estado de deterioración que sofre a vía, pero tamén "vai afectar de maneira significativa" ás conexións na comarca do Eume, pois o tramo de vía afectado une dous concellos "intimamente ligados en termos sociais, comerciais e de servizos básicos". Ademais, a estrada tamén é moi utilizada como unha alternativa libre de peaxe entre as cidades de Ferrol e A Coruña.

Así o manifestou o deputado nacionalista este luns nunha visita a Cabanas, onde estivo acompañado dalgúns dos integrantes da lista electoral do BNG ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro e dos portavoces do partido nacionalista tanto en Cabanas como en Pontedeume. Estas obras, que executará o Ministerio de Transportes, teñen previsto o seu inicio para este mes de febreiro, co corte dos carrís ao tráfico e que serán regulados por semáforo, e mesmo con cortes da vía durante a noite.

"ÚNICA ALTERNATIVA VIABLE"

Así, Rego detallou que "é innegable que en maior ou menor medida as obras van afectar negativamente á fluidez dun tráfico que xa de seu é elevado, polo que a solución debe pasar por reducir e axilizar o tráfico na ponte o máximo posible". Por iso, engadiu, "a única alternativa viable é liberar a peaxe da a AP-9 entre Vilar do Colo (Cabanas) e Miño".

Por outra banda, o candidato do BNG ás eleccións ao Parlamento de Galicia e veciño de Cabanas, Xosé Manuel Golpe, asegurou que "suspender o cobro da peaxe nese tramo, permitiría deixar a ponte dedicada a uso exclusivo do tráfico local de Cabanas e Pontedeume". Mentres, o portavoz municipal do BNG de Cabanas, Iago Varela, agradeceu a disposición de Rego para trasladar esta inquietude dos veciños ás Cortes, e lembrou que "a pesar de acordar o pleno (a iniciativa do BNG) solicitar esta gratuidade a Transportes no mes de novembro, o goberno municipal (do PP) aínda non deu traslado desta solicitude".

Visita do deputado do BNG Néstor Rego a Cabanas (A Coruña), a 5 de febreiro de 2024
Visita do deputado do BNG Néstor Rego a Cabanas (A Coruña), a 5 de febreiro de 2024 | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta