O Entroido máis aló de Ourense: En Abelleira queiman o burro e fan foliada

Nesta parroquia do concello de Muros realizaron un traballo de recuperación desta celebración a través da memoria colectiva.

Por Amanda Fernández | Ourense | 10/02/2024 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Se ben é certo que os entroidos da provincia de Ourense son os de máis sona de Galicia, existen moitos outros pola nosa xeografía. Foi nunha xornada online do Entroido de Orgullo galego onde coñecemos máis de preto o Entroido de Abelleira, unha parroquia de Muros da man de Laura Eiras, da Asociación Cultural Ponte Vella. 

O curioso burro e a indumentaria
O curioso burro e a indumentaria | Fonte: Acr Ponte Vella

Abelleira é unha pequena aldea do concello de Muros e non se coñece a data de creación deste entroido, que se recuperou polo afán de conservar unha identidade propia e grazas á memoria colectiva. Contan que foi todo unha gran sorpresa cando unha familia atopou no faiado unha serie de fotografías do entroido que estaban no esquecemento social. Grazas á información dos máis maiores do lugar tívose unha idea do que eran eses traxes laboriosos, que aló polos anos 50, levaban o pelo decorado con flores de papel que eran difíciles de conservar dun ano para outro (por mor da humidade). 

Antigamente había dous días sinalados no calendario do entroido na Abelleira: o domingo e o martes. O domingo era o día de posta de gala e facíase un percorrido pola parroquia, que remataba cunha foliada con licencia para a burla, as falcatruadas... Na que tentaban que todo o mundo participase e ían polas casas para pedir orellas ou filloas e de reaccionar mal, pintaban as caras con tizóns. Tamén era común que nesa foliada os mozos sacaran a bailar ás mozas.

O martes existía unha gran rivalidade entre dos lugares que conforman a parroquia, os de Abelleira de Arriba sacaban un burro e levábano a de Abaixo onde o queimaban en ton de burla. Co paso do tempo, os de Abaixo, fartos, crearon outro e rivalizaban por queimalo uns en dominios doutro. Era na fronteira da Ponte Vella onde pelexaban para que non se pasase dun lado a outro. Hoxe en día, fan un burro, que non ten por que ser ese animal, denomínase así porque se lle chamaba 'burro'. Paséase con esta figura polas casas e quéimase nese lugar simbólico da Ponte Vella, territorio neutral do río. 

A INDUMENTARIA 

Laura recoñece que vestirse é unha das partes máis importantes e emotivas deste entroido cando se reúnen no centro social e "deixas de ser ti para converterte no entroido". Os traxes das mulleres están conformados por longas saias brancas nalgúns casos con cinta de cores, máis vivas no caso das solteiras; camisa branca e medias negras. É moi característica a colocación do pano da cabeza. Consiste en poñer o manto de diante para atrás, cruzado na espalda e envolto no pescozo, suxeitado con adornos florais. Sona un tanto complicado, pero moi fermoso posto. Recoñece que non todas as mulleres poden levalos porque son de grandes dimensións e non está ao nivel de todas as familias. 

O entroido de Abelleira
O entroido de Abelleira | Fonte: Acr Ponte Vella

Hoxe en día todos van vestidos e hai relevo porque aos máis cativos tamén lles gusta ir co traxe. Non levan sombreiros na cabeza, senón saias curtas e mandís con plumaxe. Failles moita ilusión porque esta indumentaria dista moito da que levan no seu día a día. Aínda que a maioría son nenas que se senten moi bonitas, tamén hai varios nenos que participan. 

No caso dos homes levan na fronte unha postal ou foto familiar, esas nas que basearon a súa recuperación. E aínda que antigamente eran as mulleres as que levaban lazos colgando dos sombreiros, no entroido actual son os homes os que o locen. "É un entroido familiar, de nenos e persoas maiores, non nos esquecemos de visitar aos que non poden gozar destes momentos e levamos música coas panderetas aló onde imos", contaba Laura. 

En conclusión, o entroido de Abelleira ten como maior atractivo a queima do burro e a recreación da festa e foliada coas mellores galas. Ademais comen caldo e cocido, entre veciños máis unidos ca nunca nestes días do ano. 

O entroido de Abelleira
O entroido de Abelleira | Fonte: Acr Ponte Vella
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta