O home de 70 anos acusado de abusar e agredir sexualmente a tres menores en Vilagarcía no 2021 non se presenta ao xuízo

A sección segunda da Audiencia Provincial suspendeu o xuízo previsto para este xoves, ao non presentarse o procesado ante o tribunal a pesar de ser notificado correctamente. O xuízo foi sinalado de novo para o mes de abril. O tribunal valorará a necesidade da detención e ingreso en prisión do procesado para asegurarse a súa presenza no plenario.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 08/02/2024 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial suspendeu o xuízo previsto para este xoves contra un veciño de Vilagarcía duns 70 anos acusado dos delitos de abusos e agresións sexuais a tres menores, ao non presentarse o procesado ante o tribunal a pesar de ser notificado correctamente.

O xuízo foi sinalado de novo para o mes de abril. O tribunal valorará a necesidade da detención e ingreso en prisión do procesado para asegurarse a súa presenza no plenario. A Fiscalía solicita que sexa condenado a máis oito anos de prisión polos presuntos abusos e agresións sexuais que cometería en abril de 2021 contra tres menores de idade, nun lugar público.

O escrito de acusación da Fiscalía pide un ano de prisión por abuso sexual a unha menor de 13 anos e outros catro anos polo mesmo delito a unha menor de 16. Ademais, por tres delitos de exhibicionismo pide outro ano e medio de prisión e tamén solicitan 19 meses e 15 días de prisión por un delito de lesións. Complementariamente, o Ministerio Público reclama para o procesado cinco anos de liberdade vixiada e a súa inhabilitación durante 14 anos para calquera profesión ou oficio, retribuído ou non, que leve contacto regular e directo con menores de idade.

Tamén que se impoña ao acusado a prohibición de aproximarse a unha dos tres menores, ao seu domicilio ou aos lugares que frecuente a unha distancia non inferior a 100 metros e a de comunicarse con ela ou por calquera medio por un período de dez anos. E a mesma prohibición por dous anos para as outras menores implicadas. Finalmente, o Ministerio Público reclama o pago dos gastos sanitarios orixinados ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e dunha indemnización a unha das menores de 12.114 euros, polas secuelas e danos morais.

Entrada da Audiencia Provincial de Pontevedra
Entrada da Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta