O Festival de Ortigueira busca cartel para este 2024

O gañador levará 2.000 euros e o certame está aberto a xente de todo o mundo. O 26 de febreiro será o derradeiro día para presentar propostas gráficas.

Por Galicia Confidencial | Ortigueira | 10/02/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O cartel do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024 será elixido por concurso aberto, segundo decidiu o Comité Organizador. Deste xeito quérese abrir as portas a novas miradas sobre o Festival, novos estilos creativos, dando a oportunidade a artistas de calquera parte do mundo. Trátase dun prestixioso evento no que autores da talla de Siro López, González Colado ou Javier Mariscal, entre outros, teñen deseñado o cartel anunciador.

Carteis anunciadores de edicións anteriores do festival. Foto: Org. Festival de Ortigueira.
Carteis anunciadores de edicións anteriores do festival. Foto: Org. Festival de Ortigueira.

O prazo para enviar propostas remata o 26 de febreiro e o deseño gañador ademais de ser a imaxe principal do cartel anunciador estará presente en toda a campaña publicitaria e merchandising que se xere ao longo do ano.

Poderán participar no concurso tanto persoas físicas como xurídicas, individualmente ou en equipo, de calquera nacionalidade. As bases completas para participar están na web do propio festival.

O FESTIVAL DE ORTIGUEIRA

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira converteuse por méritos propios nun dos eventos musicais máis multitudinarios de toda España e nunha cita ineludible do verán, así como un dos referentes mundiais do folk e da música celta. A súa magnitude excede xa o puramente musical, consolidándose como un espazo libre onde conflúen xentes chegadas dos máis diversos puntos da xeografía mundial.

Neste 2024 celebrarase do 11 ao 14 de xullo e xa conta cos seus primeiros catro grupos confirmados: Fillas de Cassandra, Green Lads, Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band e a fundadora do Festival en 1978, a Escola de Gaitas de Ortigueira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta