Galicia súmase aos minutos de silencio polos gardas civís falecidos en Barbate tras ser arroiados por unha narcolancha

Foron convocados pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2024 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

As principais cidades galegas sumáronse este luns ao minuto de silencio convocado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en "apoio e solidariedade" coas familias dos dous gardas civís falecidos o pasado venres en acto de servizo en Barbate (Cádiz) tras ser arroiados por unha narcolancha.

As concentracións, que tiveron lugar ás 12.00 horas nas sete grandes cidades galegas e outros municipios da comunidade, interromperon temporalmente os actos de campaña dos partidos, que se mobilizaron fronte ás sedes dos diferentes órganos de Goberno. O PPdeG, pola súa banda, decidiu secundar a concentración adheríndose ao minuto de silencio fronte ás súas sedes autonómicas, provinciais e locais ou, como sucedeu na cidade de Lugo, cun acto de recordo ás vítimas convocado fronte á comandancia da Garda Civil, con Rueda á fronte.

Na capital galega, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, xunto a algúns concelleiros e membros das Forzas e Corpos de Seguridade sumouse ao minuto de silencio en condena ao sucedido en Barbate desde a Praza do Obradoiro, fronte ao Concello da cidade. Así mesmo, o Concello de Ourense tamén se uniu á concentración silenciosa na escalinata da igrexa de Santa María Nai, na que se atopaban o rexedor da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e representantes de todos os grupos políticos municipais.

Na cidade de Lugo leváronse a cabo tres actos de solidariedade coas familias dos gardas civís falecidos: na Praza de San Marcos, con participación de traballadores e traballadoras da Deputación Provincial; fronte á casa consistorial da cidade, con presenza de representantes de todas as formacións políticas; e a organizada polo PP lucense fronte á comandancia da Garda Civil.

En Ferrol, o minuto de silencio celebrouse na parte posterior do Concello e contou coa presenza do alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela (que expresou a súa "condena" ao sucedido); membros dos grupos municipais do PPdeG e o PSdeG; e unha importante representación de axentes da Garda Civil e a Policía Nacional. De igual maneira, formaron parte destas concentracións representantes dos concellos de Vigo, Pontevedra e A Coruña, fronte ás súas respectivas casas consistoriais, así como doutros municipios galegos como o pontevedrés e os coruñeses de Marín, Carballo e As Somozas ou o lucense de Monforte de Lemos.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto a concelleiras e membros das Forzas e Corpos de Seguridade, no minuto de silencio gardado este luns polos gardas civís falecidos en Barbate. En Santiago, a 12 de febreiro de 2024
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto a concelleiras e membros das Forzas e Corpos de Seguridade, no minuto de silencio gardado este luns polos gardas civís falecidos en Barbate. En Santiago, a 12 de febreiro de 2024 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta