18F.- Pontón lamenta que Rueda non "esixise" a Ayuso que "non boicotee" o AVE Vigo-O Porto: "Ten que estar no 2030, si ou si"

"Creo que temos aquí unha turista, que vén desde Madrid a dicirnos o que temos que votar os galegos por se non nos decatamos", afirmou, na tarde noite deste xoves en Vigo, Ana Pontón.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 16/02/2024 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, lamentou que o aspirante popular, Alfonso Rueda, non aproveitase a "oportunidade" de compartir un mitin coa presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, para "esixirlle que non boicotee" o AVE Vigo-O Porto-Lisboa. A preguntas dos medios despois da visita de Ayuso este mesmo venres a Sanxenxo, Pontón criticou que "o presidente ausente" que o seu partido "quixo esconder", fose aplaudir "á señora Ayuso, que quere que o AVE non chegue" a Galicia e "non quere a conexión de Portugal".

"Tivo unha oportunidade de esixirlle á señora Ayuso que non boicotease e o que vimos foi aplaudir e quedou clara a súa submisión", observou Pontón, quen dixo que "como presidenta, estará moi pendente de que chegue" esta infraestrutura. Así, censurou o que chamou en varias ocasións como "turismo electoral" e afeou que "veña ese centralismo a pedir o voto", tras o que ironizou tamén coa referencia á "Bahía de Vigo" que dixo Ayuso, en lugar de ría.

TELONEIRO

"Creo que temos aquí unha turista, que vén desde Madrid a dicirnos o que temos que votar os galegos por se non nos decatamos", afirmou, na tarde noite deste xoves en Vigo, Ana Pontón, quen advertiu que Ayuso "dixo que Galicia necesita un cambio como o de Milei, o que está a pór en risco a actividade de máis de 80 barcos en Vigo e o PP calado".

Nesa mesma intervención, Pontón ironizou tamén co "papel de teloneiro" do candidato popular, Alfonso Rueda. "Tédeo por seguro, como presidenta vou ir as veces que faga falta a Madrid a deixarlles claro que o AVE Vigo-Porto-Lisboa ten que estar no ano 2030. Si ou si, non é negociable", sentenciou no mitin de Vigo, con respecto á alta velocidade.

Pontón (BNG) pide que lle dean 'unha oportunidade' e apela aos que 'dubidan' para o 'cambio': 'Chegou o momento de gañar'
Pontón (BNG) pide que lle dean 'unha oportunidade' e apela aos que 'dubidan' para o 'cambio': 'Chegou o momento de gañar' | Fonte: BLOQUE NACIONALISTA GALEGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta