(Vídeo) O Halo, o ascensor que salva unha altura de 50 metros entre dúas rúas de Vigo, xa está oficialmente inaugurado

Durante todo este venres centos de persoas, veciños e visitantes curiosos, se achegaban a ver a obra en todo o seu esplendor. Dende Galicia Confidencial, ensinámosche como é.

Por Ángela Precedo | VIGO | 17/02/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Vigo conta desde este venres cunha nova 'atracción' para os visitantes e ferramenta moi valiosa para os veciños: o ascensor Halo, un xigante de formigón que se ergue no medio da cidade (iluminado, como non) cunha altura de 50 metros que permite unir as rúas de García Barbón e Vía Norte, onde se atopa o centro comercial Vialia. Trátase dunha obra que facilita ás persoas non ter que cansarse subindo as acusadas costas da cidade, algo do que se vén beneficiados, especialmente, os pasaxeiros que chegan á estación de tren (no interior do complexo), cargados de maletas. Dende onte xa non haberá que dar un rodeo de dous quilómetros para chegar ao centro da cidade, bastará con andar uns metros por fóra da estación apreciando as marabillosas vistas ao porto que deixa o círculo superior do Halo para chegar ata os dous ascensores que baixan directamente ata García Barbón.

Obras do ascensor Halo en Vigo
Obras do ascensor Halo en Vigo | Fonte: Europa Press - Arquivo

O deseñador do proxecto é o arquitecto vigués Alexandre Mouriño, que sempre tivo moi claro que lle interesaba que a obra contase coas vistas á ría, á vez que fose unha estrutura amigable visualmente pola que pasear. Algo que neste primeiro día fixeron moitos curiosos, pois aínda que polo círculo superior (de 90 metros de diámetro) o ancho pode ser facilmente duns 3 ou 4 metros, era complicado camiñar con soltura pola acumulación de xente ata que foi entrando a noite na cidade. E tal foi a expectación que xerou o primeiro día en funcionamento do ascensor que as colas (especialmente na parte baixa, polo acceso de García Barbón) foron copiosas durante a meirande parte do día para poder usar un dos dous ascensores dos que se compón a estrutura de formigón. 

Dende Galicia Confidencial non quixemos perdernos o acontecemento para contarvos en primicia como é Halo, esta obra para a que se destinaron máis de 15,7 millóns de euros (3 millóns de euros máis do que inicialmente estaba orzamentado). O Halo xa aspira a converterse nun emblema da cidade e semella que, polo momento, o está a lograr. A construción comezou no ano 2022 e, cando se redactou o proxecto, xa antes de estar rematado, foi recoñecido polos LOOP Design Awards. E aínda que esta noite estaba iluminado, non en todo o seu esplendor aínda, pois está equipado con 8.800 puntos LED que poden proxectar cores e formas sobre as súas placas de vidro. O mítico 'Viva Vigo!' do aceso do alumeado de Nadal igual se pode ler o vindeiro ano sobre o Halo, quen o sabe.

Iso si, se algo botaron en falta os visitantes que hoxe se achegaron a comprobar como era a estrutura, foi que o propio ascensor tivese vistas durante o descenso, pois por unha parte, a da porta, está completamente opaco; e, pola outra, a que dá cara a ría, conta cun cristal translúcido que non permite ver cara o exterior. Á maioría teríalles gustado que fose totalmente transparente para poder ter vistas tamén da ría de Vigo durante a baixada, non só na parte superior do Halo. Ademais, a pesares de que dispón de dous ascensores que en principio deberían ter capacidade para 17 persoas cada un, semellan ser máis pequenos na realidade, non entrando máis dunhas 8, como moito 10 persoas, e apertadas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta