Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/03/2024 | Actualizada ás 21:00
Talleres cheos de coches que levan parados neles máis dunha semana. Reparacións que custan o dobre que fai uns anos atrás. Vehículos cunha tecnoloxía que parece propia de naves espaciais. Coches de segunda man máis caros que novos. Mecánicos que teñen que aprender algo novo cada día para poder adaptarse aos novos modelos. Industria á que lle fai falta máis man de obra moza. Esta é a realidade do sector da mecánica na actualidade, nun tempo no que a crise de suministros que comezou durante a pandemia continúa existindo e no que a man de obra ten que encarecerse pola complexidade das compoñentes dos novos coches, que supoñen un auténtico reto para os traballadores. Dende Galicia Confidencial falamos con Iván Cabanas Trashorras, mecánico, xefe de taller e tamén creador de contido sobre mecánica baixo o alcume de @motortips_ (en Tik Tok colleita máis de 1,1 millón de seguidores e en Instagram máis de 544.000).
"Agora mesmo temos un problema de stock moi grande, moito máis que en anos pasados", asegura Iván, que puntualiza que este problema dáse "en orixe", porque, por exemplo, "pezas para Fiat teñen que vir dende Italia, e tárdanche polo menos 15 días en chegar". Falta algo en concreto? Pois o certo é que "practicamente de todo". Isto está a xerar grandes problemas nos talleres pois "ao final temos que tirar de recambios multimarca e, en tema de compoñentes electrónicos, por exemplo, ao non tratarse de recambios orixinais, dan máis problemas, pero non nos queda outra se queremos sacar o coche". E é que Iván ironiza con que "non sei que pasa que todo o mundo precisa o coche para o día seguinte". "Ti estás enfermo e agardas tres días polos resultados dunhas análises, pero o coche precísalo para mañá mesmo", chancea.
Neste senso, apunta en que o problema tamén está en que a xente agarda ata última hora, ata que o coche xa non pode dar máis avisos, para levalo ao taller: "Veñen cando xa para de todo e ten que traelo a grúa", afirma Iván. Este mecánico tamén aconsella á xente ter un seguro que inclúa vehículo de substitución, sobre todo neste tempo en que se sabe que o coche si ou si vai ter que pasar días no taller: "Xa que tes que pagar un seguro obrigatorio, que menos que que che cubra un coche de substitución, é o mínimo, pero ninguén ten en conta o que firma nos seguros". "A xente busca firmar e pagar 300 euros ao ano, pero despois merca un iPhone de 1.000 euros e mételle un seguro de 200, non ten moito sentido", plantexa.
"COMO AS CASAS MULTIMARCA TEÑEN MÁIS PUNTOS DE VENDA, PODEN FABRICAR MÁIS E MÁIS BARATO"
Dende a súa experiencia pedindo os recambios para poder reparar os vehículos, o tempo de agarda medio por calquera peza é de 5 días, aínda que depende de cada caso concreto. Son cinco días dende que se pide a compoñente en cuestión ata que chega ao taller, aos que hai que sumar despois o tempo de reparación. E, como explica Iván, "hai reparacións que levan moitas pezas intermedias, e con que falte unha xunta, xa se che queda a reparación a medias", é dicir, xa tes que seguir esperando ata que chegue a peza que falta, o que vai incrementando o tempo total que o coche ten que pasar no taller.
Pero por que non hai compoñentes orixinais chegados de casas oficiais e si de casas multimarca? Iván considera que se trata de perder o mínimo capital posible: "Calquera persoa que teña unha empresa sabe que cantas menos cousas teña paradas nun estante menos diñeiro ten invertido e menos terá que tirar, pois se fabricas por pedido, aínda que para os mecánicos sexa unha faena, para esas casas oficiais que son quenes fabrican e venden é menos diñeiro tirado". Sen embargo, no caso das multimarca, explica que "fabrican moito máis barato compoñentes de peor calidade". Por poñer un exemplo, apunta a que "é como se Amazon merca 1.000 bombillas e as vende a 1 euro, pero unha empresa de recambios que merca solo 100 non ten tanto desconto na compra e tenas que vender a 1,5 euros". Do mesmo xeito, "como as multimarca teñen máis puntos de venda, poden fabricar máis e máis barato".
"OS XEFES DOS TALLERES MULTIMARCA NON GASTAN CARTOS EN FORMAR XENTE, SÓ FORMAN AS CASAS OFICIAIS E PORQUE LLES OBRIGAN"
E contra o que moitos pensan de que a electrónica que traen os vehículos modernos é un problema a maiores, este mecánico considera que "é máis ben ao revés". "Canto máis avanzado é o coche máis maneiras temos de investigar o que lle sucede", asegura, indicando que, "antigamente, a primeira electrónica que traían incorporada os coches, era unha computadora que non estaba ben integrada, polo que non podías ler tantos aspectos do coche como agora". Pon o exemplo "dun sensor que dá información sobre o aire das rodas, esta información vai á centralita e de aí á nosa máquina que nos di que lle pasa; sen embargo, antigamente ese sensor daba a información á centralita, pero de aí á máquina non, entón non podiamos medir esa señal". "Hoxe en día coa máquina podemos medir moitas cousas", afirma Iván, que, con todo, confesa que isto vai unido de que "os mecánicos temos que estar máis preparados e formados, lóxicamente".
Pois en mecánica a formación non remata nunca. "Cada cousa nova que sae tes que estar aí para aprendela", asegura. Por exemplo, fai pouco sacaron os Sistemas Avanzados de Axuda á Condución (ADAS), que son obrigatorios, o que implica "máquinas novas, maneiras novas de diagnosticar e maneiras novas de reparar". Sobre o aspecto da formación, Iván critica que o que está a suceder na actualidade é que os xefes dos talleres multimarca non forman aos seus empregados: "Non gastan cartos en formarte, porque a formación é cara, e mentres te estás formando non estás no taller traballando". Hoxe en día, "as únicas casas que forman xente son as oficiais, e porque están obrigadas pola propia marca a formar", mentres que "os talleres multimarca non forman a ninguén". Moi ao contrario, critica que "mesmo os cursos de riscos laborais que son obrigatorios métenchos fóra do horario laboral, cando iso non é legal". Ademais, tamén lamenta que "nestes casos queren contratar a xente con título e pagarlle o mesmo que a un oficial de terceira, porque é o que lles están a pagar".
"A DÍA DE HOXE TES RECAMBIOS RECONSTRUÍDOS DE TODO O QUE IMAXINES, XA NON TES QUE REPARAR NO TALLER, FANO NAS CASAS OFICIAIS"
Volvendo ao tema das pezas dos vehículos, tamén se apunta a que na actualidade as pequenas compoñentes xa non se reparan, senón que se cambia a peza que ten o problema ao completo. Sobre isto, o mecánico explica que "ti antes para reparar un motor de arranque desmontábalo, pedías as escobillas, pedías as pezas internas que estaban estropeadas e arreglábalo, o cal tiña un coste de tempo e diñeiro, porque a man de obra levaba o seu tempo, ao que había que sumar o propio custe das pezas". O cal implicaba que, "ti tráesme o coche hoxe, igual ata mañá non me chegan as pezas e ata pasado mañá non che teño o coche listo". Fronte a iso, apunta a que "hoxe en día existen casas de reparación específicas de todo tipo de elementos, e as propias marcas véndenche recambios reconstruídos".
Isto significa que "eu pido un motor de arranque reconstruído, mándanmo para o coche e eu o do coche que está mal mándollo a eles para que o arreglen e llo manden a outra persoa no futuro". Para Iván, "é o mesmo que reparalo nós mesmos no taller, pero non o facemos aquí, senón que xa o mercamos reparado, porque é moito máis rápido, puidendo ter o coche reparado xa no mesmo día". Con esta forma de traballar encarécese o prezo? Asegura que "non, ao contrario, sae máis barato". A modo de exemplo, explica que fai uns días tivo que pedir unha válvula EGR para un Renault que valía nova máis de 400 euros, e reconstruída pola propia marca quedaba en 180. E indica que "recambios reconstruídos tes a día de hoxe para todo o que imaxines", o cal "simplemente despraza o feito de que eu perda tempo no taller reparando a pedilo xa reparado".
"O QUE MÁIS SUBIU FOI O CUSTE DA MAN DE OBRA, PORQUE HOXE TES QUE TER FERRAMENTAS ESPECIAIS PARA CADA COCHE E PEZA"
Sobre os prezos das pezas, confesa que "subiron, pero porque subiu todo". Pero moitas veces pénsase que os novos modelos de coches contan con pezas máis caras que os antigos e isto non é de todo certo. Depende da peza, pero Iván pon o exemplo dos faros: "Un faro de xenon, de coches do ano 2006, custábache 1.000 euros; hoxe por hoxe, o faro dun coche novo de paquete con full led, vale 600, e trátase da tecnoloxía máis avanzada".
O que si confesa é que subiu moito o custe da man de obra, algo que considera lóxico, porque "cando eu comecei a traballar a hora de man de obra estaba a 25 euros, pero hoxe para traballar os coches modernos precisas tanta ferramenta especial e cara que non podes traballar por ese prezo". Por exemplo, apunta que "para dous tornillos especiais dun coche en concreto teño que comprar unha ferramenta que custa 70 euros, só para quitar eses dous tornillos dese modelo de coche, mentres que antes cunha caixa de ferramentas de metal que levabas na man xa che servía".
"OS RAPACES QUE VEÑEN DA FP CHEGAN CON COÑECEMENTOS CON CINCO ANOS DE ATRASO NOS SISTEMAS QUE TEMOS"
Preguntándolle polo futuro da profesión, Iván considera que a cousa non vai cambiar moito nos vindeiros anos: "Para min, que teño 35 anos, vai ser o mesmo que levo vendo estes anos: coches a combustión, de gasolina ou diésel". De feito, afirma que "non teño pensado meterme polo momento en nada de coches eléctricos, porque aínda que fixen algún curso, non vexo que o meu futuro vaia depender de reparar coches eléctricos", xa que "hoxe por hoxe síguenche traendo coches dos anos 90 para reparar, e a xente non vai cambiando tan rápido de vehículo, porque custan cada vez máis, así que os de hoxe van aguantalos ao máximo que poidan".
Por outra banda, cre que onde vai haber un problema vai ser no tema dos salarios, porque "non sei que lle pasa á formación actual que se lle está a dar aos rapaces na FP que veñen con cinco anos de atraso nos sistemas que temos". Neste senso, considera que "os profesores non están tampouco todo o formados que deberían e os rapaces son rapaces, son mozos que están aprendendo como se fose para reparar o seu coche, pois mercaron o seu primeiro coche e están estudando mecánica para coñecelo, é algo que nos pasou a todos no seu día". Se a isto non se suma o coñecemento dos profesores, os rapaces non sairán correctamente preparados.
UNHA AVENTURA QUE COMEZOU NA PANDEMIA Á QUE LLE ADICA MOITAS HORAS AO DÍA: "UN VÍDEO DUN MINUTO PODE SER HORA E MEDIA DE REPARACIÓN"
Iván comezou a crear contido para as redes sociais en Tik Tok durante a pandemia. Nese tempo cambiara de traballo, pois dende Michelin chamárono para facerse cargo dun taller de reparación de coches que querían abrir, tendo xa un de camións. E, como nos conta, "mentres a cousa se estaba preparando e todo se ía montando, eu estaba aburrido, e aproveitaba algún coche que nos traían para reparar para facer algún vídeo". A clave do seu éxito para chegar xa a medio millón de seguidores en tan pouco tempo? "Que dicía verdades coma puños, porque eu son empregado e non publicito onde traballo, non busco clientes, son real, non coma outros xefes de taller que sei que teñen que mentir porque é o seu negocio e teñen que facerlle publicidade, pois non van falar mal do seu propio negocio", conta, asegurando que "mesmo fago directos traballando no taller, que non é meu, con coches de clientes, ensinando como traballo, porque non teño nada que agochar, sei que dou garantías e que o fago ben".
Este mecánico pasa moitas horas despois de traballar adicándose á edición e publicación dos seus contidos. "Estoulle poñendo bastante empeño", asegura, e engade que "aínda que ti despois poidas ver nas redes que un vídeo meu dura un minuto, igual a repación en si levoume media hora de grabación". Así, confesa que "leva moito tempo, pero fágoo porque me fai sentir ben". Ao final "o taller é o meu traballo, pero nas redes podo ver despois o resultado do meu traballo, editalo como eu quero e que se vexa o que fago, a satisfacción de dicir 'mira que ben fixen o meu traballo'". Ademais, para el "editar é unha relaxación, porque me gustan os ordenadores e fedellar con eles".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.