Cando o "PP é o PP"... así se sementou a primera maioría absoluta da era Rueda

Non estaba Feijóo, estaba Rueda e, aínda así, os populares conseguiron unha vitoria contundente o 18F. Que hai detrás da campaña do PPdeG para colleitar 40 deputados despois dunha minicrise de microplásticos, un candidato novo, unha campaña de mensaxes contradictorias e unha contricante en alza en todas as enquisas?.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/02/2024 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

"Isto non hai quen o cambie". Eran sobre as 22.00 horas do 18 de febreiro e a sede popular fervía. Desde pouco antes do peche dos colexios electorais os principais dirixentes xa se concentraron alí para seguir a xornada. E dúas horas despois asumían xa que eran os gañadores indiscutibles dos comicios. Os principais "cociñeiros" desta vitoria, especialmente, a secretaria xeral, Paula Prado, estaban exhultantes.

O presidente da Xunta de Galicia e líder do PPdeG, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta de Galicia e líder do PPdeG, Alfonso Rueda | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

A xornada resultou ser histórica xa que se superaron as previsións máis optimistas que apuntaban, precisamente, aos 40 escanos. Nos días previos aos comicios había certo nerviosismo, non tanto polas enquisas que manexaban --a de GAD3 e a de Sondaxe-- dábanlle a maioría absoluta, senón polo temor a que o "efecto Pontón" puidera pulverizar esas enquisas. 

E o temor non era tanto do Partido Popular en Galicia, senón, sobre todo de Madrid. Desde o equipo de Feijóo insistían en non fiarse dos inquéritos logo do acontecido o 25X cando todos daban unha vitoria contundende do líder popular e, finalmente, o que acabou gobernando foi Pedro Sánchez. Pero Galicicia non é España e a medida que o reconto de votos avanzaba foise liberando toda a tensión na sede popular.

Houbo numeroso cruce de whatssaps, de Madrid a Galicia e de Galicia a Madrid. "Tranquilos. Isto está feito". E cando as contas xa daban de sobra Rueda comezou a recibir chamadas, entre elas a de Feijóo e Mariano Rajoy, tamén a de José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón para felicitalo, aínda que esas chamadas, protocolarias, eran o de menos.

E como sementou o PPdeG unha vitoria tan contudente tras unha minicrise de microplásticos, un candidato novo, unha campaña de mensaxes contradictorias e unha contricante en alza en todas as enquisas?. "O PP é o PP", asegura un dirixente popular consultado que suliña que o que importa "non é quen se presenta, senón o que representa". No fondo, a maquinaria do PP, que é moi grande e está moi enraizada en todo o territorio galego o que fixo foi traballar para que gañara a súa marca. "Somos moitos e, ademais, moitos que vivimos disto", confirma outro destacado membro do PP e do Goberno da Xunta. 

Feijóo e Rueda na xunta directiva do PPdeG.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Feijóo e Rueda na xunta directiva do PPdeG.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

A MILITANCIA

Por iso, para entender o que pasou durante a campaña e a precampaña do 18F hai que ter ollada expansiva e ter en conta moitos factores, entre eles, o exército de militantes fieis do PPdeG --moitos deles con traballo na Xunta--, a maquinaria do Goberno galego posta ao servizo do candidato popular con numerosos anuncios, o apoio dos grandes medios de comunicación de Galicia e o control absoluto dos medios públicos e unha campaña na que os populares decidiron dividirse e estar en todos os recunchos do país.

Pero, vaiamos por partes. O do exército de militantes, aínda que en sentido metafórico, ten algo de realidade. Os populares volveron mobilizar aos seus como non o fixeran desde as eleccións do 2009, cando volveron ao Goberno galego tras catro anos de bipartito. A lembranza desa etapa e de perder o poder fixo que toda a base militante e simpatizante fora a votar. Moito dese 20% de electorado que non votou hai catro anos, fíxoo desta volta, ao PPdeG, rachando esa idea de que os que se mobilizan son sempre o electorado da esquerda.

"As --direccións-- provinciais estiveron a tope e a --dirección-- galega xa nin che conto. Aquí todo Deus estivo dándoo todo", asegura o dirixente popular consultado. De feito, lembra que o multitudinario mitin en Pontevedra, con máis de 12.000 persoas, e que deu inicio á campaña funcionou como revulsivo. "Aí xa nos demos de conta de que podiamos gañar", asegura.

De feito, non houbo mitin que non estivera cheo de xente, especialmente, os principais. O aparello do partido encargouse de mobilizar ata debaixo das pedras. "Había militantes que traían a familiares, que chamaban a amigos. E que sabían que nos xogabamos moito", sinala. E este esforzo, esta engranaxe ben engraxada deu os seus froitos. Todo ía sobre rodas.

A CAMPAÑA

Ademais, a campaña estaba deseñada en base a tres eixos; Rueda, Feijóo e Mariano Rajoy. Os tres tiñan a súa función, aínda que un, o ex presidente, decidiu ir por libre e, de feito, condicionou, e moito, as mensaxes e o argumentario do candidato á Presidencia. A primeira semana foi máis ou menos, con Rueda tentando dar mensaxe máis en clave galega, Feijóo máis en clave española e Rajoy facendo o que mellor sabe facer, dar abrazos e apertas polas rúas. Ata que Feijóo meteu a zoca convocando a un grupo de xornalistas para soltar un bombazo que dinamitou a campaña do PPdeG.

"Xa sabes. El tirou para diante sen falar con ninguén. Dixo iso sen consultalo e, claro, logo Alfonso --Rueda-- tivo que comelo", lembra o cargo popular que está no goberno. Refírese as declaracións de Feijóo asumindo contactos con Puigdemont para chegar a unha amnistía. "Foi unha cagada. Meteunos iso e tivemos que tragalo", asegura. 

Esa foi a "primeira" cagada da campaña. Pero houbo outra, e esta, ao seu favor e servida en bandexa por parte do equipo do PSOE de Ferraz; a enquisa do CIS, a única que daba, xunto con outra de El País, a posibilidade de que Rueda perdera a maioría absoluta. "Iso funcionou como un revulsivo entre todos nós. Foi cando nos decatamos de que --Pedro-- Sánchez estaballe facendo a campaña a Ana Pontón co aparello da Moncloa e a axuda dos medios afíns", di en alusión a La Sexta, La Ser, El País ou El Diario.

As enquisas xa apuntaban a unha importante suba do BNG e, aínda que  seguían apuntando a que a maioría absoluta se mantiña para o PPdeG, había certo nerviosismo polo afundimento que predecían para o PSdeG e o disparado que estaba o apoio ao Bloque. Por iso, a última parte da campaña estivo marcada por un argumentario que pouco tiña que ver con Galicia. Feijóo decidiu deixar de falar de Puigdemont e empezou a falar de Bildu e Rueda tamén. E, ademais meteuse no discurso oficial que "a Pedro Sánchez non lle importaba subir a Pontón e afundir a Besteiro con tal de salvarse el".

 

"E eu penso que aínda que non estaba preparado esa campaña funcionounos", apunta o dirixente popular que considera que a posibilidade de que o BNG puidera gobernar a Xunta tivo moito que ver na mobilización do seu electorado. E, non tanto polo discurso contra o independentismo catalán, senón porque ese electorado non quere un partido que, nun momento dado, poida facer cousas semellantes ás que se fan en Cataluña ou en Euskadi.

 

Ademais da campaña convencional, o PPdeG realizou un gran traballo en redes sociais e tamén pactou numerosas entrevistas nos medios de comunicación tradicionais de Galicia, especialmente, nos últimos días de campaña, nos que Rueda saíu a toda plana en xornais como La Voz de Galicia, os xornais de Prensa Ibérica ( Faro de Vigo, La Opinión e El Correo) ou La Región e El Progreso e Diario de Pontevedra.

 

O "APARELLO" E AS AXUDAS DA XUNTA

 

Se no PPdeG din que Sánchez utilizou o "aparello" da Moncloa, o certo é que o partido de Rueda tamén utilizou o "aparello" da Xunta. Desde o anuncio das eleccións galegas o 21 de decembro, ata a súa celebración, o 18, o presidente galego fixo máis de 50 anuncios oficiais, entre eles, a convocatoria de numerosas axudas e subvencións. De feito, o candidato popular xa foi preparando o escenario electoral semanas antes anunciando o bono deporte de 120 euros ou a conxelación das peaxes nas autoestradas galegas en 2024.

 

Entre os anuncios que se fixeron en campaña houbo de todo como incentivos ao sector gandeiro e agrario con axudas certames de gando bovino selecto ou subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e ao sector pesqueiro con axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP).

 

Tamén para o sector forestal con axudas para a creación de superficies forestais e para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, para rexeneración e/ou mellora en masas consolidadas de frondosas autóctonas, para a xestión forestal sustentable para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas ou as destinadas ao impulso da boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común

En medio ambiente a Xunta tamén anunciou subvencións para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia, do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2024, axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 e para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. 

En Enerxía foron axudas para instalación de enerxías renovables,subvencións destinadas á transformación dixital, axudas públicas no marco da Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación e en Economía, con subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais e as encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais ou as axudas directas ao transporte de viaxeiros

Tamén no sector do Emprego se anunciaron subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas, obradoiros duais de emprego, para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga ou as subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social 2024-202 ou para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral.

Ademais tamén houbo anuncios en Cultura, con subvencións para o programa Cultura no Camiño e destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos ou aos concellos para financiar gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de caracter afecionado ou axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións das bibliotecas públicas e para actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas ou municipais ou subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia 2024 

En Igualdade con subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas e para a promoción da igualdade (Programa FSE+ Galicia 2021–2027) e para entidades locais, como os incentivos ao Fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado aos concellos de Galicia, as subvencións para actuacións de embelecemento do litoral galego, axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos, as do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, as subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes.

APERTÓN FINAL

E, a pesar de que a Xunta Electoral apercibiu e mesmo sancionou en varias ocasións ao presidente galego por usar a Xunta como plataforma electoral, finalmente, non houbo castigo. 

A isto hai que engadirlle SMS de última hora, remitidos o último día da campaña, anunciando subas de salario ao persoal médico e de educación, así como múltiples reunións sectoriais convocadas desde a Xunta co sector educativo, do mar, do agro e do tecido asociativo ou cultural. E, por suposto, a mobilización do sector "cultureta" afín --os artistas Manolo Paz, Acisclo Manzano, César Taboada e Antón Lamazares--  logo de ver como destacados nomes do mundo da cultura, o cinema, o teatro ou a literatura lle deran o seu apoio explícito a Ana Pontón.

E, claro, pregunta obrigada para o dirixente popular. Nunha campaña popular, vale de todo?. "Todos usamos o que podemos e senón mira o que fai Sánchez desde a Monclou ou Lores desde o Concello de Pontevedra. Tamén se podería dicir que eles usan as institucións ao seu antollo e enchen de cartos aos medios afins, ou non?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Requeifa

Coido que se debera explicar mellor á cidadanía galega que un modelo como o cubano, xusto e igualitario, sen clases sociais, sen caciques, sen corrupción, con traballo, saúde e ensino gratuíto para todos é o que convén a Galiza. O capitalismo, se o explican ben, tería os días contados.

3 Gabe

“Nas estatais hai moitos galegos que votan pensando nos cartos; nas municipais, na dotación das rúas en que viven; pero as autonómicas míranas de esguello ou quedan na casa porque entenden, aínda que sexa mentira, que deciden sobre cousas que non lle afectan: a árbore, a vaca e o peixe para eles [os urbanitas] xa só significan vacacións, praia ou casa rural e restaurante, e iso decídese coa familia ou os amigos, non nas urnas.” (Rodri Suárez: Galicia reducida, p. 46). E que marco ten na cabeza o votante rural?

2 Mariña

Efectivamente. Boa análise de como o Partido Popular controla todos os resortes de poder neste país. E interesante ver como, ao igual que fixo o BNG, é quen de mobilizar a todos os seus e aos familiares dos seus, e aos amigos dos seus para ir votar. A capacidade é brutal. Pero, como di Gabe, por que isto é así?. Por que o efecto Pontón non chegou?. E que hai detrás da ideosincracia deste país para que o PP chegue a todos os recunchos. Unha clave pode estar tamén no afundimento do PSOE que, mal que nos pese a algunhas, é necesario para un cambio na Galiza. Igual sería bo que se rearmara un pouco para, dentro de catro anos, cun BNG fortalecido, poidan das as contas para ter no país a primeira presidenta nacionalista

1 Gabe

Esta é unha excelente análise do contexto inmediato da campaña electoral e dos acontecementos previos ás eleccións. Agora o que resta é saber por que a poboación galega se deixou "comprar" desta maneira, correndo a votar PP como polos degolados. Por que a "carretaxe" de votos é tan eficaz en Galicia? Por que a xente se deixa enganar tan facilmente? Por que está tan asentado o avestrucismo na forma de avaliar a nosa situación e de construír o futuro? Ten sentido a explicación de que a aparataxe electoral e clientelar é moi eficaz pero, que anatemas ou resortes psicosociolóxicos levan os galegos e galegas a deixarse tomar o pelo e a impedir que o país, a vida dos veciños, as posibilidades dun futuro mellor avancen? Son preguntas de fondo nada fáciles de contestar. Non obstante, se nalgún momento imos procurar unha alternativa sería necesario saber que resortes, que fibras se activan e como pode espertar do seu sono (ou soño) a nación de Breogán.

1 Gamela

Por máis voltas que lle deas sempre estaremos no mesmo punto, mentras a UPG non se disolva definitivamente no seo do BNG a xente sempre pensará que algo raro hai detrás da alternativa nacionalista en Galicia (cicais so unha estrela de cinco puntas) ? // http://www.galiciaconfidencial.com/... // Non é máis que a constatación reiterada dunha triste realidade : 5ª Maioría Absoluta do PP en Galicia !

2 Sentidiño

A culpa é dos que resisten. A culpa é dos que non se venden por un carguiño. A culpa é dos que poñen por diante os principios. E a culpa de quen é? Dos que votan o PP? Non. A culpa é da UPG.