Dous anos despois da traxedia do Pitanxo: "O patrón e o sobriño non foron a ningún enterro nin velatorio"

Segundo María de Pazo, as familias están pendentes da finalización da instrución xudicial unha vez que se coñezan as conclusións das peritaxes feitas no pecio. As propias familias enviaron tamén o seu perito de parte e agora esperan a apertura do xuízo oral logo de que a Audiencia Nacional recolla todos os datos e faga as correspondentes análises e chegue ás pertinentes conclusións.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Neste segundo aniversario cales son os pasos que se teñen avanzado na investigación sobre o afundimento do barco?
Déronse pasos importantes. Temos un xuíz que está facendo instrucción seria e rigorosa da causa. En segundo lugar, por fin se puido baixar ao barco e logo de moitas horas de gravación, non sei cantas son, dous peritos nomeados polo xuíz, non son peritos de parte, realizaron un informe pericial que formará parte da instrucción. As familias tamén enviamos un perito de parte quen estivo alí in situ e impartirá tamén un informe.

Homenaxe aos falecidos do Villa de Pitanxo en Bueu
Homenaxe aos falecidos do Villa de Pitanxo en Bueu | Fonte: GC

-Saben se existen algúns puntos de coincidencia entre os informes dos peritos xudiciais e o das familias?
O perito de parte non presentou aínda o seu informe. As conclusións do informe pericial foron demoledoras e creo que ambos documentos irán na mesma liña. Non obstante, o informe está en vía xudicial e de momento non se pode comentar nada máis. De momento destaca que foi un erro humano, polo demais, só se coñecerá o documento cando o xuíz o estime.

-Que accións estades levando adiante desde o grupo de familias?
Dicir primeiro que separamos o tema xudicial do que fan as familias. Nós non intervimos, só o fixemos cando pedimos a inspección do barco e cando todo estea listo, estaremos esperando o que dictamine o xuíz que leva a instrucción. Temos unha completa confianza no que se está facendo e nós non estamos a facer nada, só aquilo que leva o noso equipo legal. Por parte das familias o que se fixo foi o acto do segundo aniversario, estamos preparando unha placa para colocar en Canadá cos nomes dos vinte e un mariñeiros, iso será este mesmo ano. Á parte, estamos preparando o terceiro aniversario.

-Como se realizará a colocación da placa en Canadá?
A placa, o mesmo que as outras, fíxose nunha fundición aquí en Galicia e levará, xa digo, o nome dos vinte e un falecidos, o mesmo que as outras placas colocadas nos demais concellos de onde viñan os falecidos. Pedimos permiso en Terranova, en concreto en San Xoán, falamos coas autoridades canadianas para poder colocala mirando ao mar. Debo dicir tamén que as facilidades e a colaboración por parte de Canadá e da comunidade de San Xoán son totais.

-Como sentides o ambiente en Marín dous anos despois da traxedia?
Sentímolo moi cerca. Cando organizamos un acto veñen centos de persoas e non só de Marín senón de toda a comarca, porque este caso do 'Villa de Pitanxo' é un caso que abrangue a todas as familias de náufragos porque a empatía vén de toda a sociedade, sempre veu de toda a sociedade. Cando se abriu a conta de Change.org en tres horas batiu records de sinaturas. Ese apoio non foi só de familias de náufragos, que sempre estaremos con elas, senón de toda a sociedade e Galicia e en particular.

-Houbo algún outro caso semellante ao voso e que as familias implicadas consultaran con vós como actuar?
Por desgraza, si. Desexaríamos que non pasase, mais despois do noso naufraxio afundiu un barco perto de Cantabria, o 'Villaboa'.

-Desde o naufraxio do 'Villa de Pitanxo' observastes se hai menos persoas que desexen embarcar, ir traballar ao mar?
O problema non é ir traballar ao mar, non é o problema, é como ir en coche e ter un accidente e dicir “a culpa é do coche”, non ten por que. O problema pode ser a estrada en malas condicións ou unha concatenacións de neglixencias como foi este caso, mais o mar non ten a culpa. A profesión do mar temos que defendela e dignificala, partindo de nós mesmos. No mar hai moi bos profesionais, os que non o son deben facerse cargo e ser responsables. Non se pode demonizar o mar porque haxa un caso de vinte e un falecidos. A causa da morte desas persoas foron unha serie de neglixencias.

-Sabes cal é o estado anímico do sobrevivinte Samuel Kwesi?
Non sei, a última vez que o vin foi no acto do segundo aniversario onde participou como un cidadán máis. Nese acto vino mal, moi afectado, mais é unha percepción miña que vin eu alí no acto como o veu todo o mundo que asistiu. Mentres eu lía a intervención non puiden seguir observándoo porque se me cortaba a voz, tiven que deixar de miralo.

-Cos outros dous sobrevivintes e coa armadora, non tedes algún tipo de relación nin sequera pola vía legal?
Ningún tipo de relación e nunca a houbo. O patrón e o sobriño non foron a ningún enterro nin velatorio nin presentar condolencias ás familias. Nunca deu a cara para nada. Non así Samuel quen tiña moitas secuelas e aínda así foi a todos os enterros. Tampouco foron os armadores da empresa. Que se espera do Grupo Nores que cando foi o naufraxio non avisou ás familias? Soubémolo polas redes sociais ou pola rúa. Foi unha maneira moi cruel de sabérmolo e marca para sempre.

-Ides falar con algunha institución e como vos organizades para realizar todas as iniciativas que facedes?
Todos nós temos traballo e cargas familiares e así imos facendo ao mellor un par de iniciativas e imos preparando outra con tempo. Temos pendente unha visita a Lisboa, á Axencia de Seguridade Marítima Europea. Tamén está pendente unha reunión coa alta funcionaria europea de Seguridade Marítima, mais realmente estamos esperando as conclusións do xuíz, cando finaliza a instrucción e cando aparece o auto de apertura do xuízo oral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta