O paro baixa en 518 persoas en Galicia en febreiro, un 0,40%

Queda en 130.583 desempregados. Tamén Galicia gañou unha media 4.488 cotizantes á Seguridade Social en febreiro, un 0,43% máis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2024 | Actualizada ás 10:23

Comparte esta noticia

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 518 persoas en Galicia en febreiro, ata 130.583 desempregados, o que supón un descenso do 0,40% respecto ao mes anterior, segundo informou o Ministerio de Traballo e Economía Social este luns.

Esta diminución é lixeiramente maior que a media de baixada en España (-0,27%), onde baixou en 7.452 persoas en febreiro en relación a xaneiro. Tras o retroceso de febreiro, impulsado sobre todo polo sector servizos e a construción, o número total de parados no Estado situouse en 2.760.408 desempregados, o nivel máis baixo para un mes de febreiro desde 2008, subliñou o Ministerio.

Na comparativa con febreiro de 2023, o desemprego rebaixouse 13.509 persoas en Galicia, un 9,38% menos, un ritmo de caída por encima do descenso do 5,17% do Estado.

Paro en Galicia. EPDATA
Paro en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Deste xeito, o desemprego galego volve á senda de recorte, xa que en xaneiro sufriu un incremento de 1.597 respecto de decembro (+1,2%) tras o fin da campaña de Nadal. Mentres, o paro descende este febreiro de 2024 (518 persoas menos) a un ritmo menos intenso que ocorría en febreiro de 2023 (956 persoas menos).

Por sectores en Galicia, o descenso é xeneralizado. Os servizos contan cun total de 93.300 desempregados (381 menos); industria, con 12.785 (124 menos); construción, 8.759 parados (148 menos); agricultura, con 4.252 parados (69 menos). As persoas sen emprego anterior son 11.487, neste caso sobe en 2024. En canto a sexos, do total de parados, 54.955 foron homes e 75.628, mulleres. Hai 5.289 desempregados menores de 25 anos, repartidos entre 2.706 homes e 2.583 mulleres.

SEGURIDADE SOCIAL

Por outra banda, Galicia gañou unha media 4.488 cotizantes á Seguridade Social en febreiro, un 0,43% máis que o mes anterior, segundo os datos publicados este luns polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, así como polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Deste xeito, o número total de afiliados elévase a 1.055.018 en Galicia. O 0,43% de subida é lixeiramente inferior ao 0,50% de creación de emprego da media española. Este incremento en febreiro prodúcese tras unha acusada caída de 11.752 cotizantes que se produciu na comunidade galega en xaneiro.

XUNTA

Sobre isto, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, destacou que o paro rexistrado coñecido este luns, de 130.583 persoas en Galicia, é a cifra máis baixa nun mes de febreiro na serie histórica, desde 1996.

SINDICATOS

Pola súa banda, os principais sindicatos en Galicia (CIG, UGT e CC.OO.) poñen o foco, a uns días de que se celebre o 8 de marzo, nos peores datos estruturais de emprego que padecen as mulleres en Galicia, que son 75.628 paradas fronte a 54.955 homes en desemprego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta