A empresa da mina de San Finx declara nos xulgados de Noia por verteduras: "É unha bomba de reloxaría ambiental"

Ecoloxistas en Acción chama á Xunta a impor de inmediato fianzas necesarias "ante o risco de evasión" dunha compañía "fantasma".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2024 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Unha representante de Tungsten San Finx, empresa concesionaria da mina de San Finx, no municipio coruñés de Lousame, declarou este luns no Xulgado de Instrución número 2 de Noia en relación cun suposto delito ambiental por verteduras, segundo informa Ecoloxistas en Acción.

Esta declaración prodúcese tras unha denuncia das confrarías de Noia e Portosín, á que se adheriron organizacións ecoloxistas como acusación popular. Segundo explica o portavoz de Ecoloxistas en Acción, Joám Evans, a Europa Press, "para sorpresa de todo o mundo" a empresa tan só mandou a "unha avogada de Madrid cun poder especial que non tiña nin a máis remota idea" de contestar as preguntas que lle fixeron as partes, pois "non sabía" nin quen son os titulares reais da mina nin quen está detrás do proxecto. "Non sabía absolutamente nada", quéixase.

Así, advirte de que este proceder da compañía mostra que a mina "é unha bomba de reloxaría ambiental que está en mans dunha empresa totalmente temeraria". Este luns, ao redor de medio cento de ecoloxistas e mariscadores concentráronse ante os xulgados de Noia para mostrar o seu rexeitamento a este proxecto mineiro que pon en risco a ría de Muros e Noia.

EMPRESA "FANTASMA"

Así mesmo, nun comunicado, Ecoloxistas en Acción alerta de que actualmente non se coñece a identidade dos titulares reais da mina, tendo en conta que "o control da empresa pantalla Metais Estratéxicos SL, cun capital de apenas 3.000 euros, exércese a través de empresas interpostas situadas en xurisdicións opacas e paraísos fiscais". "A presenza como administrador de Miguel Cabal, relacionado co empresario colombiano Serafino Iacono, vinculado aos famosos Papeis de Panamá, fixeron saltar todas as alarmas polo risco de fuga", sostén.

Ecoloxistas en Acción lembra que a empresa realiza vertidos a "apenas sete quilómetros da ría de Muros e Noia e do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) Esteiro do Tambre, espazo de Rede Natura 2000". Así, esixe á Xunta que impoña de inmediato fianzas necesarias "ante o risco de evasión da empresa" e que aplique o canon de control de verteduras para garantir que leven a cabo as actuacións necesarias para impedir a continuidade das verteduras, así como a restauración da zona afectada polas presas de residuos mineiros abandonada.

Protesta ante os xulgados de Noia en contra da mina de San Finx
Protesta ante os xulgados de Noia en contra da mina de San Finx | Fonte: ECOLOXISTAS EN ACCIÓN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta