A pesares de ter 150 axentes menos dos que toca, a Policía Autonómica apoiou a 584 vítimas de violencia de xénero en 2023

A Policía Autonómica prestou vixilancia e protección a 584 mulleres vítimas de violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade en Galicia ao longo de 2023 e detivo a 11 persoas, segundo o informe do ano elaborado polo corpo policial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2024 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A Policía Autonómica prestou vixilancia e protección a 584 mulleres vítimas de violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade en Galicia ao longo de 2023 e detivo a 11 persoas, segundo o informe do ano elaborado polo corpo policial. Neste cómputo, ademais das 284 mulleres que se mantiñan activas no sistema de protección a 31 de decembro, inclúense as 225 que quedaron inactivas polo cesamento das circunstancias que motivaron o risco e as 75 traspasadas a outros corpos de seguridade por cambio de domicilio da vítima. Do total de mulleres atendidas durante o ano, 217 correspóndense coa xefatura de Vigo, 171 coa da Coruña, 67 coa de Santiago, 47 tanto coa de Ourense como coa de Lugo, e 35 coa de Pontevedra.

Tal e como destacou a Xunta nunha nota de prensa, as funcións que desenvolven os axentes pasan por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio...; o traslado das vítimas ao centro asistencial cando fosen agredidas, así como á comisaría para proceder á denuncia; a recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e a adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos.

11 DETIDOS

Ademais, durante 2023, a Policía Autonómica detivo a 11 persoas. Neste período tamén realizaron outras actuacións como case 33.300 accións de vixilancia na contorna da vítima ou do agresor, ou máis de 7.200 contactos coas vítimas ou agresores. Tamén realizaron 1.389 acompañamentos á vítima en accións como acudir aos xulgados, á comisaría ou á recollida de pertenzas, e elaboráronse máis de 2.700 informes e valoracións de risco.

As actuacións inícianse de oficio, a instancia das vítimas ou por requirimento de terceiros, en calquera das sedes da unidade, pero de forma habitual actúase a instancias do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, desde onde se centralizan a maioría das alarmas relacionadas con esta materia.

92 POLICÍAS

Na actualidade, as unidades de prevención, asistencia e protección ás vítimas de violencia de xénero do sistema de protección Viogen da Policía Autonómica contan con 92 policías. Así, a Xunta manifestou que "a pesar da perda de efectivos e de asumir outras funcións que precisan de persoal operativo permanente" como a vixilancia das rutas xacobeas, a loita contra o furtivismo ou os delitos relacionados co medio ambiente, a Policía Autonómica "segue mantendo o nivel de actividade en materia de violencia de xénero con seis axentes máis que os 86 de media anual entre 2016 e 2021". Do mesmo xeito, o departamento autonómico subliñou "o compromiso da Xunta" coas funcións asumidas por este corpo "a pesar da continua redución de efectivos cun total de 351 axentes, o 70 % dos 500 que lle corresponderían".

Vehículo da Policía Autonómica de Galicia
Vehículo da Policía Autonómica de Galicia | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta