Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2024 | Actualizada ás 22:00
A elección da Mesa do Parlamento, principal órgano executivo da Cámara galega, marca sempre o inicio da actividade política en Galicia logo dunhas eleccións, pero tamén, avanza pistas sobre os obxectivos dos partidos que están representados nel, tanto pola composición como polos integrantes da mesma.
E, este ano, a diferencia doutros, hai varias pistas que poden indicarnos como vai ser a relación entre as distintas formacións políticas e os seus obxectivos en función da composición deste organismo. E dúas das grandes incógnitas son, por unha banda, quen será o seu presidente e, polo tanto, o da Cámara galega e, pola outra, cantas formacións políticas estarán representadas nel.
Tradicionalmente, na Mesa da Cámara sempre estiveron representados os principais partidos políticos; PPdeG, PSdeG e BNG, aínda que isto non sempre foi así. Os populares e os socialistas foron os que máis representantes tiveron históricamente neste órgano ao que se chega en función do número de votos e deputados que se obteñen en cada elección. Así, en case todas as lexislaturas, a excepción da VII, cando gobernou o bipartito, a Mesa e o Parlamento tiveron maioría do PPdeG. Tres dos cinco representantes eran deste partido e os outros dous para o resto de partidos.
TRAXECTORIA DO PSdeG E BNG
A representación de socialistas e nacionalistas foi variando ao longo da historia parlamentaria. Así, mentres o PSdeG tivo representantes en todas as lexislaturas é a partir de 1993, coa segunda lexislatura de Fraga, a IV, cando ambas as dúas formacións se repartirán os dous postos da oposición neste órgano. Unha tendencia que se rompeu durante o bipartito, cando o PSdeG tivo dous e o Bloque, un e durante a VIII e IX, cando o BNG estivo ausente da mesma tras sacar sete e seis escanos respectivamente e estar por detrás de AGE e En Marea neses comicios.
Na VIII lexislatura, o PSdeG decidiu ocupar os dous postos na mesa, a pesar de que AGE, que obtivera nove representantes reclamaba estar nese órgano. Con todo, os socialistas, con 18 deputados, preferiron ocupar os dous postos co visto e prace do BNG que deste xeito deixaba a un rival directo fóra dun órgano importante da Cámara. Na XI lexislatura o descenso acusado do PSdeG, que pasou a 14 escanos, superado en número de votos por En Marea, que tamén otivo 14 parlamentarios, fixo que entre os dous se repartiran os postos da Mesa. O BNG, con seis, non tivo marxe de decisión.
Oito anos despois a situación é ben diferente. En Marea desapareceu, e o Bloque deulle á volta á tortilla. Con 25 escanos, fronte aos nove do PSdeG, está en disposición de ocupar os dous postos da Mesa. Unha decisión que privaría aos socialistas de estar neste órgano por primeira vez desde a constitución da Cámara galega.
UNHA DECISIÓN QUE TERÁ CONSECUENCIAS
A portavoz nacional do BNG, Ana Ponton, dicía que esta decisión será dos órganos directivos da formación frontista sobre a posibilidade de ceder un posto na Mesa do Parlamento galego ao PSdeG como xa ocorreu fai catro anos. Con todo, tamén deixaba claro que a que se abrirá a próxima semana é "unha lexislatura diferenciada" na que existe unha "gran distancia" a nivel aritmético entre o Bloque e os socialistas.
Fontes parlamentarias consultadas por GC destacan que nacionalistas e socialistas mantiveron sempre na Cámara unha relación de cooperación e que a posibilidade de excluir da Mesa da Cámara ao PSdG implicaría un choque frontal entre dúas formacións chamadas a entenderse xa que, tradicionalmente, compartiron gobernos, tanto na Xunta, como en concellos e deputacións. "Marcaría un punto de inflexión moi importante entre os dous partidos", apuntan estas fontes que auguran "inestabilidade" nas relacións futuras das dúas organización, tanto no plano galego, como no provincial e local.
E é que a presenza neste órgano ademais de certa "representatividade e estatus" tamén implica maiores recursos económicos xa que os seus integrantes cobran anualmente preto de 100.000 euros, un 40% máis que o resto dos deputados.
DIEGO CALVO, PRESIDENTE?
Por outra banda, a composición desta mesa, que será votada o vindeiro 18 de marzo, pode marcar tamén cambios importantes nas distintas formacións, especialmente, no PPdeG. Coñecer quen será o presidente deste órgano pode traer tamén cambios no futuro goberno da Xunta. E é que nos últimos días se especula coa posibilidade de que o actual vicepresidente, Diego Calvo, poida ocupar este posto en substitución de Miguel Angel Santalices, tras dúas lexislaturas neste cargo.
Calvo xa foi presidente circunstancial da Cámara en varias ocasións xa que na IX e X lexislatura ocupou a vicepresidencia deste organismo, antes de ser chamado por Rueda, tras a macha de Feijóo, en 2022, para ocupar a Vicepresidencia Primeira da Xunta. E se Calvo volve á Mesa do Parlamento, iso implicará tamén cambios e novos nomeamentos no Goberno da Xunta. Ademais, está por ver se Elena Candia, a responsable do PP en Lugo, repite como vicepresidenta primeira se non entra tampouco na quiniela de Rueda para formar goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.