Por Galicia Confidencial | Allariz | 12/03/2024 | Actualizada ás 21:20
A Alcaldesa, Cristina Cid, resaltaba na presentación da programación a importancia que ten a Semana Santa ao Vivo para Allariz. Trátase dun ciclo cultural e de lecer que lle dá entrada á tempada turística e axuda a dinamizar a economía local.
A música ao vivo, atractivo co que naceu esta iniciativa, terá un protagonismo especial na programación tal como referiu a concelleira de Promoción Económica, María López. Dende o 28 ao 31 de marzo, o casco histórico encherase de música en directo grazas ás actuacións de rúa dos seguintes artistas: Elos, Noite, Eric Lepeich, Denis Carballás, Minguante, Alexandre Cabanelas e Diego Mosquera, Perrito Piloto, Piratas Sen Parche, Sanny, Dama Azul, Os Dous Porquiños e Big South. A veciñanza e os visitantes poderán gozar destas actuacións en horario de 12.00 a 14.00 h. e de 18.00 a 20.00 horas.
OFERTA INFANTIL
María López explicaba ademais que “este ano repetiremos o formato de dúas xornadas de actividade infantil. O venres 29 e o sábado 30 haberá en horario de mañá e de tarde actividades para que asistan as familias”. O venres será a quenda do Mago Albert, que actuará ás 11:30 h. na Praza do Matadoiro. Pola tarde a actuación será ás 17:00 h. na Praza de Abaixo. O sábado será a quenda de Cris Collazo co seu espectáculo de teatro e títeres “ Pepa a loba”, que estará no mesmo horario e localizacións que o venres o Mago. Serán ás 11:30 h. na Praza do Matadoiro e ás 17:00 h. na Praza de Abaixo.
MERCADOS E VISITAS GUIADAS
Dentro da programación tamén se inclúen mercados de artesanía, gastronomía e visitas guiadas a varios recursos turísticos da contorna.
O patio do Museo do Coiro acollerá, como é habitual, dende o xoves ata o domingo, o Mercadiño de Artesanía no que participan artesáns de Allariz. Unha representación de artistas exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros. O Mercado da Reserva da Biosfera ampliará o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h.
Da man de Xeitura haberá visitas guiadas ao casco histórico, os días 28, 29, e 30 de marzo e o 1 de abril. As visitas comezarás ás 11:30h dende a Oficina de Información Turística. E tamén, do 25 de marzo ao 1 de abril, visitas guiadas a Santa Mariña de Augas Santas e Armea. A saída destas visitas serán ás 10:30h dende a Oficina de Información Turística. Para inscribirse nas visitas guiadas cómpre enviar un correo a turismo@xeitura.com ou chamar ao 609 474 976.
O Rexo tamén ofertará visitas guiadas á granxa, á queixería e ao ecoespazo en horario de mañás e de tardes o 28, 29 e 30 de marzo. O 31 de marzo só terán visita de mañá.
EXPERIENCIA CON BURROS E VISITAS A MUSEOS
A Asociación A.N.D.R.E.A oferta para a xornada do domingo, e baixo inscrición previa, visitas guiadas para gozar da compañía dos burros que teñen en San Salvador dos Penedos. Todas aquelas persoas que queiran gozar dunha experiencia nun entorno natural como é a Reserva da Biosfera Area de Allariz poderán reservar a visita no correo andreaasociacion@gmail.com ou nos teléfonos 988 442 534 – 696 971 670.
Como é habitual na Semana Santa, os museos de Allariz: Museo Galego do Xoguete, Museo da Moda e Museo do Coiro ampliarán o horario. Estarán abertos ao público en horario de mañá e tarde (11:00-14:00 h. / 17:00-19:00 h.) os días 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de marzo. Os días 25, 26 e 27 de marzo poderán ser visitados só en horario de mañá (11:00-14:00 h.).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.