O TSXG suspende preventivamente outro parque eólico máis, entre A Baña e Negreira, e xa suman 16

A asociación veciñal informa de que, entre os motivos que aduce o alto tribunal, figuran algúns relacionados coa protección da natureza e a paisaxe da zona e tamén do patrimonio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2024 | Actualizada ás 20:49

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu preventivamente o parque eólico de Troitomil, situado entre os concellos da Baña e Negreira, segundo informou a asociación de veciños O Outeiro de Sanamede de Monte, que manifestou "a súa gran satisfacción" polo auto ditado polo alto tribunal e a paralización cautelar.

Esta asociación de veciños, que representa máis de cen casas da parroquia de Sanamede de Monte decidira no seu día expor un contencioso-administrativo contra a Xunta pola aprobación deste parque eólico, por "os danos que pode causar sobre o territorio da parroquia", xa que a totalidade das aldeas de Nantón, Buchaín, Sanamede e O Rucheiro están comprendidas na súa poligonal. Ademais, hai que engadir a estes terreos de labranza e forestal as aldeas de Duomes de Arriba, Duomes de Abaixo, Seilán, O Monte de Abaixo, Freiriñas e Xanín.

Os veciños felicítanse por esta paralización do parque promovido por Green Capital Energy, na que estiveron asesorados pola Asociación de Consumidores Acouga e asistidos polos avogados Pérez-Lema. Neste contencioso, os representantes da asociación de veciños solicitaron a paralización cautelar das obras mentres non existise sentenza do TSXG.

Os membros do tribunal, segundo recolle o comunicado da asociación, estimaron "sen imposición de caución, a medida cautelar solicitada pola representación procesual" da Asociación de Veciños da Parroquia de Sanamede do Monte O Outeiro e outros e en consecuencia suspéndese a executividade da actuación administrativa".

Entre os motivos que aduce, figuran algúns relacionados coa protección da natureza e a paisaxe da zona, e tamén do patrimonio e significativamente recóllese no auto "a posible afectación sobre os abastecementos de augas, as afectacións sobre as explotacións agrarias, granxas-escolas en funcionamento na zona e dunha forma especial a acumulación de efectos negativos por convivencia con outros parques da contorna e que non foron estudados de forma conxunta pola Xunta ao outorgar a autorización do parque".

Tamén subliña que é significativo o feito de que posiblemente varias aldeas poidan estar a menor distancia da permitida por lei das instalacións.

SUMAN 16

Con esta suspensión, aumentan a 16 as que tivo o mesmo destino por parte da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tras a sentenza do Supremo.

Concretamente, o alto tribunal galego adaptou os seus criterios á doutrina do Supremo de finais de 2023, que rexeitou dúas das causas que o TSXG empregaba para a paralización destes proxectos. Agora, decídese esta medida cautelar sobre a base en posibles "graves danos" ao medio ambiente.

O pasado venres, o TSXG informou de que se sumaron a esta lista outras paralizacións, a dos parques de Serra do Faro Ampliación II (entre os municipios de Piñor, Cea, Dozón e Rodeiro) e As Penizas (Forcarei e Cercedo-Cotobade). Con estas alcanzábase a quincena e agora, coa información desta asociación, xa suman 16.

Parque eólico de Greenalia / Europa Press / Europa Press
Parque eólico de Greenalia / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta