Especies invasoras: a mimosa, unha planta imposible de erradicar asasina o sotobosque autóctono

Dende o Galicia Confidencial continuamos coa nosa serie sobre especies invasoras en Galicia falando con Paula Lorenzo, investigadora da Universidade de Coimbra que nos afonda nas particularidades dunha planta procedente de Australia hai algo menos de dous séculos e que xa ten colonizada a nosa terra. Xunta ao seu equipo de investigación buscan formas de aproveitar o residuo que xera o control desta planta para sacar algo beneficioso de tantas cousas negativas que aporta, tendo en conta que "o nivel de invasión é tal que a súa erradicación xa é imposible no noroeste da Península Ibérica".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/03/2024 | Actualizada ás 22:50

Comparte esta noticia

Se che pedimos que imaxines unha planta coas flores amarelas e eres galego, de seguro o primeiro que se che pasa pola mente non é o toxo, senón a mimosa ou acacia de Australia (Acacia dealbata). E é que o seu despregamento polo noso territorio chegou a tal punto que xa non hai recuncho onde non se atope, tinguindo de amarelo os nosos montes e zonas máis escarpadas de montaña. Aceptamos convivir con ela e úsase moito en arreglos decorativos, aínda que cada vez hai máis persoas que abren os ollos ante a súa perigosidade, pois vén que nos lugares onde habita a mimosa, non habita case nada máis. Dende o Galicia Confidencial contactamos con Paula Lorenzo, investigadora da Universidade de Coimbra (Portugal), que nos afonda nas característica desta perigosa, aínda que aparentemente inofensiva, planta amarela.

Acacias
Acacias | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO

En concreto, a mimosa é nativa de Australia, da zona de Nova Gales do Sur e Tasmania. Trátase dunha árbore que pode acadar entre os 10 e os 12 metros de altura, perenne e de crecemento rápido que non adoita exceder os 30 anos de idade. A Galicia chegou con diferentes fins, por unha banda, "o servir de planta ornamental, decorativa, sendo moi apreciada", e "tamén para estabilizar noiros (taludes)" no camiño de ferro de Galicia ao longo do século XX, explica Lorenzo, que asegura que foi a partir destes usos cando comezou a expandirse ata chegar ao que temos hoxe en día, "unha especie invasora que ten moita facilidade en colonizar diferentes tipos de hábitats, especialmente os degradados", estando moito máis presente nas zonas máis cálidas do Ribeiro ourensán. Sábese da súa introdución en España dende 1824. Actualmente atópase amplamente naturalizada, invandindo as partes baixas e medias de Galicia ate unha altitude de 600 metros formando xa parte da paisaxe galega habitual. 

A mimosa, como nos conta a investigadora, "é unha leguminosa que crea nas súas raíces nódulos nos que se instala unha bacteria que é capaz de utilizar o nitróxeno atmosférico para alimentar á planta, o cal lle dá unha vantaxe sobre outras especies que non son leguminosas e que só poder adquirir ese nutriente e mineral esencial para a vida das plantas do solo, pois a acacia pode estar alimentada mesmo en zonas moi pouco óptimas para outras plantas como pode ser un solo moi pobre en nutrientes, sen materia orgánica e moi preto da rocha nai". É precisamente por esta característica tan particular que as mimosas "conseguen establecerse en case todos os lados, sacando vantaxe desa simbiose que teñen con esas bacterias que son quen de fixar o nitróxeno atmosférico nas súas raíces e deixarllo dispoñible para que poida alimentarse e medrar", precisa Lorenzo.

"TEN UNHA TAXA DE CRECEMENTO SUPERIOR Á DAS ESPECIES NATIVAS"

Coñecida a súa orixe e que ten moita facilidade de expansión, hai que preguntarse se realmente é un problema para os nosos montes? E a resposta da investigadora a esta pregunta é clara e concisa: "Si". "Precisamente nese medrar tan rápido que ten é onde radica o seu perigo", apunta, pois asegura que "ten unha taxa de crecemento superior á das especies nativas de Galicia, polo que consegue medrar máis rápido e compite mellor coas especies nativas que hai nos nosos montes, excluíndoas da zona na que se instala". Ademais, ao medrar e expandirse dunha maneira tan rápida, "crea manchas forestais homoxéneas, moi típicas de ver (mantos de plantas con flor amarela en determinadas fincas e espazos), o que impide o establecemento e crecemento das especies nativas no seu sotobosque".

Mimosas
Mimosas | Fonte: UVigo - Arquivo

Para facernos á idea da problemática, Lorenzo conta que "nun 'acacial' (termo que non existe, pero para entender que se trata dunha zona chea de mimosas) é tanta a densidade e inmensidade dos troncos destas plantas que se fai moi difícil camiñar entre elas, e, cando miras por debaixo, ves que no sotobosque non crece practicamente nada". Isto fai, como é lóxico, "que as especies nativas que alí vivían desaparezan". En concreto, a investigadora da Universidade de Coimbra apunta a especies de flora, pero asegura que tamén hai insectos nativos que se poden ver afectados. O que está claro, como incide, é que "polo que respecta a plantas, non crece practicamente ningunha nos solos onde hai mimosas".

CAMBIA OS NUTRIENTES DO SOLO, REDUCE A CANTIDADE DE LUZ QUE CHEGA AO CHAN E PODE LIBERAR COMPOSTOS FITOTÓXICOS

E por que acontece isto? Por varias cousas. Por unha banda, a experta explica que "a acacia cambia o solo onde se establece, mudando nel a concentración de nutrientes, aumentando a materia orgánica e introducindo toda outra serie de cambios que fan que as especies que estaban adaptadas ás condicións do solo previas á invasión da mimosa non poidan vivir nesas novas condicións". Por outra banda, apunta á capacidade da acacia para "reducir, polas características do novo bosque, a cantidade de luz que chega ao chan, o que fai que as plantas do sotobosque non poidan realizar a fotosíntese para medrar, porque non teñen practicamente luz". Ademais, por se isto fose pouco, a mimosa "ten o potencial de liberar compostos fitotóxicos que afectan ao crecemento e establecemento das plantas que hai ao seu redor, e tamén a microorganismos do chan". Todo en conxunto leva ás especies autóctonas á desaparición. Deste xeito, Lorenzo reflexiona que "a mimosa non é unha especie mala en si, no seu hábitat de Australia ten a súa función, pero cando chega aquí trae toda esa dinámica e perturba o desenvolvemento normal dos ecosistemas nativos de Galicia".

Co cambio climático, como lle acontece a moitas outras plantas, a mimosa pode florecer antes de tempo, polo que se antes había un período moi concreto no cal se vía nos montes, agora pode resistir durante moito máis tempo e aparecer antes. "As mimosas están aí todo o ano, pero a súa floración pode adiantarse dependendo da temperatura", explica Lorenzo, que indica que o período de floración normal vai de finais de decembro ata finais do mes de marzo ou comezos de abril. "O que pode estar acontecendo, especialmente na zona de Ourense, onde hai moitísima mimosa, é que con estes últimos invernos que están a ser menos fríos, floreza antes de tempo, pois ten certa tolerancia ao frío, pero non é o que lle gusta, así que que comece antes a súa floración pode ter moita relación con que os invernos cada vez son menos fríos, con temperaturas máis suaves e agradables", plantexa.

"ERRADICAR A MIMOSA É MOI DIFÍCIL, EU DIRÍA QUE É IMPOSIBLE"

A gran pregunta, como no caso de todas as especies invasoras é: estase a facer algo para evitar que continúe expandíndose? A investigadora da Universidade de Coímbra afirma que "hai comunidades de montes en mancomún que si que tentan controlar moi localmente as especies invasoras que teñen". Por nomear unha destas iniciativas, fai referencia ao proxecto da Asociación Cultural e Ecolóxica Ridimoas, no concello de Leiro, onde o seu presidente, Pablo Rodríguez Oitavén, "durante 30 anos organizaba accións de limpeza e eliminación da mimosa dos seus bosques, que cada ano se ampliaban porque ían comprando máis terreos". Neste caso, "cónstame que logrou reverter zonas invadidas do seu bosque e conseguiu que este se rexenerara e restaurar o bosque que había antes". Con todo, e co ritmo de crecemento das mimosas, aínda lle queda por facer, pero para Lorenzo "é o único caso a nivel galego de certa relevancia coñecido no que se fixo algo para actuar sobre a mimosa".

Aínda que tamén é consciente de que, por moito que se queira, "erradicar a mimosa é moi díficil, eu diría que é imposible". "En Galicia a mimosa está nun estado de dispersión tan grande e ten unhas condicións e unha orografía tan difícil na que traballar, con terreo escarpado e montañoso, que polas características do seu crecemento veloz, é case imposible de eliminar", apunta a experta, que indica que "o problema máis aló das sementes que xera unha planta, tamén está no seu crecemento vexetativo, porque cortas unha mimosa e é quen de rebrotar polas raíces, de aí que sexa tan difícil de erradicar". Así as cousas, considera que agora mesmo cara onde habería que orientar o problema é "cara conseguir confinar as poboacións de mimosa que xa están establecidas", pois "se se pode eliminar estaría ben, pero o ideal pasa porque non siga espallándose polo territorio galego".

"UNHA SOA PLANTA PODE DAR LUGAR A MILES OU CENTOS DE MILES"

Neste contexto, a cantas plantas novas pode dar lugar cada mimosa? "A miles ou centos de miles", amósase tallante a investigadora, que nos conta que durante a etapa na que estaba a facer a súa tese, ía ao campo a rastrexar poboacións de mimosa e un día percatouse de que nun bosque de mimosas cortaran unha parcela no medio duns 10 por 50 metros cadrados, pero que de aí a nove meses volvía estar chea de acacias mimosas que xa acadaban alturas próximas aos dous metros. "Esa é a capacidade de crecemento que ten a mimosa", exemplifica. Ademais, a orografía galega, que dificulta o crecemento de algunhas plantas, para a mimosa é perfecta, pois "prefire os terreos montañosos, non nunhas cotas moi altas, me si que sexan de montaña". De aí que haxa tantas no interior galego, especialmente na provincia de Ourense.

Xunto ao seu grupo de investigación, Lorenzo tratou de buscar unha forma de usar esta planta. Xa que a temos e está a causar tanto dano aos nosos ecosistemas, como podemos aproveitala para algo beneficioso? Recoñece que plantexar esta posibilidade non foi sinxelo, pois os estudosos das especies invasoras non están de acordo con esta estratexia de control, ao considerar que "aproveitar os residuos que veñen da xestión da mimosa ou doutras especies invasoras podería fomentar o cultivo desta ou outras especies invasoras na mesma situación". É dicir, que ao atoparlle unha utilidade podería haber xente que mesmo a cultivase nos seus terreos. Para a investigadora da Universidade de Coímbra, "ese pensamento é lexítimo e podemos ter ese perigo, pero nós non falamos de facer este aproveitamente con calquera especie invasora, senón só naqueles casos nos que a invasión xa é un descontrol total, nos que as medidas tradicionais de control de especies invasoras como pode ser a aplicación de herbicidas, que rematan indo ladeira abaixo e contaminando ríos e fauna que habita neles, ou o control mecánico, usando maquinaria para cortalas, non sirvan de nada".

"O ÚNICO EFICAZ SERÍA ARRINCALAS, E ISO É ALGO ECONOMICAMENTE INVIABLE"

O que podería ser eficaz sería arrincalas, pero a experta amósase realista: "Economicamente é imposible pór o diñeiro que se precisa para contratar maquinaria e persoal para eliminar todos os individuos de mimosa que hai en Galicia, sobre todo tendo en conta que se atopan en pendentes e nunha orografía inclinada, na que resulta case imposible meter maquinaria ou persoas, ademais habería que contratar a un abultado volume de persoal para logo manexar todo o material que se quita, así que economicamente resulta inviable". E debido á súa elevada capacidade de dispersión, "aínda que ás veces se leven a cabo accións de control nun sitio moi localizado, despois seguir poñendo diñeiro para seguir controlando os individuos novos que van aparecendo é moi complicado", polo que resultan medidas ineficaces. De feito, tal é a resistencia que ten esta planta que "cando botas herbicida, se este non chega a todas as partes da mimosa, é probable que esta rebrote de raíz, e que as sementes que estan no chan rematen xerminando".

Así mesmo, a día de hoxe xa se sabe que, aínda que os incendios forestais favorecen a súa aparición, non son necesarios. Lorenzo lembra que, "cando eu estudaba a mimosa, sempre me dicían que as sementes para xerminar precisaban dun golpe de calor, como o que obtiñan cun incendio, polo que despois dun incendio as sementes xerminan, pero eu xa as vin xerminar sen haber incendio ningún". É por iso que ante casos onde a situación é dramática, dende a Universidade de Coimbra "propoñemos aproveitar os residuos da xestión desta especie invasora con distintas utilidades, como unha forma de sacar beneficio que axude a seguir controlando a especie, que non erradicando, algo que, insisto, é practicamente imposible coas condicións que temos na actualidade en Galicia".

"CÚSTALLE MOITO ESTABLECERSE EN CARBALLEIRAS BEN CONSERVADAS"

Dende o seu punto de vista, cre que "a xente non se dá moita conta do perigo que encerran as mimosas", aínda que "pouco a pouco vaise concienciando cada vez máis". A mimosa como tal, concede que "é unha planta bonita" e que "se emprega durante a celebración dos Maios porque é a que está en flor (xa tardía no mes de maio)" e "mesmo en Francia ou Inglaterra onde se vende como flor decorativa para xarróns", pero "temos que deixar de considerala unha planta ornamental" para poder atallar a problemática. Atallar, que non erradicar, pois "non podemos ser utópicos tampouco, a erradicación é imposible", polo que "debemos tratar de conter a expansión das mimosas que xa hai". E como facer isto? Para Lorenzo a mellor forma é "preservando os ecosistemas nativos na súa mellor versión".

A investigadora asegura que ela mesma puido comprobar que "á mimosa cústalle moito establecerse en carballeiras se estas están ben establecidas e conservadas" e "tamén lle custa entrar en zonas de matogueiras densas, como as que teñen toxos, a típica matogueira atlántica de Galicia". Pola contra, "se o ser humano altera os ecosistemas, fai movementos de terra e provoca incendios, a mimosa expandirase moi rápido, porque esta planta prefire os solos alterados, nos que xermina moi ben, como despois dos lumes e en ecosistemas onde houbo erosión do terreo, neles pódese establecer con moita facilidade". "As nosas especies están adaptadas ao ecosistema tal e como está e, se ti o perturbas, cústalles adaptarse ás modificacións e volver asentarse, cousa que á mimosa non lle ocorre", conclúe a investigadora da Universidade de Coímbra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta