Dez autores dialogan cos versos de 'Deitado fronte ao mar', de Celso Emilio Ferreiro, polo Día da Poesía

Un acto organizado pola Real Academia Galega homenaxeou ao autor de 'Longa noite de Pedra'.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/03/2024 | Actualizada ás 20:44

Comparte esta noticia

Dez recoñecidos autores galegos de diferentes xeracións sumaron as súas voces este martes para dialogar cos versos do poema 'Deitado fronte ao mar', incluído na obra 'Longa noite de Pedra' de Celso Emilio Ferreiro, nun acto organizado pola Real Academia Galega (RAG) para conmemorar o Día da Poesía. Anxo Angueira, Rosalía Fernández Rial, Ana Romaní, Chus Pato, Ismael Ramos, Alfonso Pexegueiro, Rafa Vilar e Marilar Aleixandre, xunto con Oriana Méndez, aínda que non puido asistir, foron os encargados de interactuar co autor celanovés a través dos versos dunha das súas máis soadas composicións.

E é que a sección de literatura da RAG decidiu renderlle homenaxe a Celso Emilio pero nun contexto diferente ao da vivencia da ditadura que inspirou o seu máis famoso poemario editado en 1962. Iso si, María López-Sández tamén reflexionou sobre o actual "tempo convulso, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos que tamén convoca a novas voces poéticas". Neste contexto, López-Sández reivindicou o "compromiso de partida que implica" o feito de escoller a lingua galega para crear, o cal achega "un xerme de protesta".

Pola súa banda, Marilar Aleixandre, académica directora da sección de literatura da RAG, subliñou como "os discursos que pretenden silenciar as voces críticas, borralas do espazo público, existían en 1973 e, infortunadamente, non desapareceron máis de medio século despois". "Celso Emilio nunca calou e nós non calamos", sentenciou a autora.

Tamén participou neste acto na Coruña Xesús Alonso Montero, quen sinalou que Celso Emilio Ferreiro foi "o poeta social con maiúscula", pero igualmente "un poeta intimista". "Alá ao fondo, o que nos transmite é a ferida que causa na súa intimidade, no núcleo do seu espírito, a ferida allea como ferida histórica", expresou o expresidente da RAG.

O poeta e autor Celso Emilio Ferreiro
O poeta e autor Celso Emilio Ferreiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta