A resposta da tiktoker @patriiotero ante o menosprezo do galego: "Enxalzamos as linguas de fóra e tirámoslle pedras ás propias?"

Faise viral o vídeo desta xornalista do Galicia Confidencial no que pedía explicacións de por que hai xente que lle ten tanto odio ás persoas que se expresan en linguas cooficiais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 19/03/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Que respostariades vós a unha persoa que vos di o seguinte?: 'Tu dialecto en Suiza te sirve más por la cantidad de vacas que hay, porque vuestro dialecto solo lo utilizáis para llamar a las vacas' (por suposto, en castelán, non podía ser doutro xeito). Sen dúbida, trátase dunha frase que ofende a todos os galegofalantes, ao considerar que a súa lingua, a pesares de ser cooficial na comunidade, non se trata dunha lingua como tal, senón dun dialecto; e ao tratar de ridiculizalo como se só servise para comunicarse no ámbito rural, máis cos animais que coas persoas. Pois este comentario, tal cal, recibiuno a 'tiktoker' galega Patricia Otero (@patriiotero), que ten unha conta na que fala sobre diferentes temas de actualidade na súa lingua. A súa resposta foi impecable, pois puxo no seu lugar a este usuario.

Patricia Otero (@patriiotero)
Patricia Otero (@patriiotero) | Fonte: Instagram

"Pois mira, Manolo, oxalá poder comunicarme en galego con vacas, con cans, con burros... bueno, agora que o penso, con algún que outro burro si que me estou comunicando", comezaba a súa resposta Patricia, que continuaba pedindo explicacións, explicacións de "por que tedes tanto odio a toda persoa que se expresa nunha lingua cooficial, pero con argumentos sólidos, non con esas excusas de merda como 'es que el gallego no sirve para nada', 'el gallego solo se habla en el monte', 'el gallego es un español mal hablado'". Foi moita a xente galegofalante que se sentiu identificada con estas frases, tanta que o vídeo xa acumula máis de 12.000 reproducións na rede social e 188 comentarios nos que a 'tiktoker' recibe un grande apoio e ata aplausos pola súa reacción.

E é que nun momento no que as linguas cooficiais entran ata no Congreso dos Deputados e están ás portas de facelo nos organismos europeos, como se pode seguir mantendo que o galego non serve para nada ou que non é unha lingua? Patricia, que tamén é xornalista, continúa a súa mensaxe dicindo que "despois están as linguas estranxeiras, rollo inglés ou francés, e aí ninguén di nin muh, todo o contrario, ata as enxalzan". Así as cousas, conclúe cunha frase lapidaria: "Entón, enxalzamos as linguas de fóra, mentres lle tiramos pedras ás propias ou como vai a cousa?". Este vídeo que se fixo viral nas últimas horas non é o único que ten Patricia contestando comentarios polo estilo.

En concreto, outra mensaxe dicíalle: 'Y por qué hablas en ese dialecto en vez de hablar en alto español para que todos te podamos entender? Es que solo intentáis dividir romper enfrentar... repugnante...'. A resposta de Patricia? "Eu creo que che faltou algún sinónimo, espera que che axudo: eu diría que só intentamos dividir, romper, enfrontar, confrontar, desputar, disgregar ou partir... Agora en serio, aquí o único repugnante é o teu comentario, porque iso que ti chamas dialecto é a miña lingua". "Que eu podo chegar a comprender que as tuas dúas únicas neuronas non lles dá para entender que en España hai máis dunha lingua, pero eu creo que se te esforzas un pelín podes chegar a captar de que vai o tema", espétalle, e prosegue: "Méxome co de 'solo intentáis romper', romper o que? O teu supremacismo? Porque xa me dirás que dano podo facer eu por expresarme en galego".

@patriiotero Respuesta a @manolo18566 non sabes o que me rin cos teus comentarios 🤣🤣 #galego #lingua #tiktokengalego #galegosnotiktok ♬ sonido original - Patri Otero

Patricia Otero foi a encargada de poñer a andar a sección Laretando do Galicia Confidencial, así como das súas redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta