Piñeiro do país, de case un paria a ter a chave do futuro para o sector da madeira

Expertos galegos e do Norte de Portugal conclúen que é necesario potenciar o cultivo do pino do país (pinus pinaster) para o seu aproveitamento de cara ás novas demandas na construción e outros sectores. Os primeiros pasos a dar para unha revalorización do cultivo desta árbore serían uns prezos xustos pola madeira, o desenvolvemento dun tecido I+D+i arredor desta árbore e incentivar a construción de vivenda en madeira.

Por Moncho Mariño | Santiago | 23/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A necesidade dunha industria da construción que case non deixe pegada de CO2, a necesidade de bosques que consuman gases de efecto invernadoiro mais, sobre todo, a necesidade de dar saídas á xente no rural, están detrás de desenvolver ao 100% unha industria da madeira relacionada co piñeiro galego (pinus pinaster) para dar saída a solucións dentro do mercado da vivenda e outras solucións até o de agora cubertas con outros materiais. Foi por iso que durante dous días (19 e 20 de marzo) expertos de Galicia e Norte de Portugal estiveron debatendo e presentando solucións arredor desta arbore que, segundo os informes presentados desde a Xunta en 2023, estaría perdendo terreo fronte a eucalipto e frondosas aínda que actualmente a superficie de piñeiro estaríase incrementando. En 2022 a superficie plantada con esta especie estaría en case 5.000 hectáreas. Aínda así, nos últimos dous anos e por culpa da situación económica os prezos caeron mais séguese apostando polo piñeiro como árbore de futuro.

Zona de plantación de piñeiros no Courel
Zona de plantación de piñeiros no Courel


RECUPERACIÓN DA ESPECIE
O Inventario Forestal de Galicia asignaba unha superficie de 422.000 hectáreas de piñeiro fronte ás 409.000 de eucalipto e as máis de 600.000 hectáreas de frondosas. Con todo, o monte adicado ao piñeiro, sobre todo do país, esta reducindo a súa extensión e así, desde a Xunta de Galicia, quixeron darlle apoio a esta especie ante a revalorización que experimentou esta madeira con subas de entre o 40 e o 50% dos prezos, segundo a Fundación Arume. A mesma Fundación, con datos da Xunta de Galicia, apunta un crecemento de case o 18% das plantacións de coníferas en 2022.

Porén, no encontro de expertos galegos e do Norte de Portugal celebrado en Mondariz entre os días 19 e 20 de marzo deste ano, ofreceron datos que falan dun retroceso da especie fronte outras especies, os incendios forestais e o abandono de terras. Fronte a isto, Francisco Dans, da Asociación Forestal de Galicia, indica que en Galicia “existe unha industria con 8 empresas dedicadas ao taboleiro, ademais dunha industria local que consome a madeira da cadea forestal próxima, é dicir, transforma un produto do noso monte”.

Sobre a superficie para esta árbore “vemos que houbo unha diminución e a medio prazo, tanto en Galicia como Norte de Portugal será un problema, sobre todo polos lumes que afectan a plantacións recentes que son difíciles de rexenerar”.

Actualmente, a industria da construción está consumindo piñeiro de importación (abeto e piñeiro nórdico) debido á súa manexabilidade. “O piñeiro galego medra máis rápido que calquera conífera nórdica, é certo que tivo problemas técnicos como a súa durabilidade e deterioro, mais hoxe en día temos recursos abondo para crear tratamentos que eviten isto” sinala Jacobo Feijóo da Fundación Arume.

Piñeiros en Carnota
Piñeiros en Carnota | Fonte: Asociación Monte Pindo Parque Natural

Sobre o retroceso de coníferas en Galicia tamén sinala “os incendios forestais e outros factores, por iso viñemos expertos galegos e portugueses a este encontro en Mondariz para o intercambio de experiencias de cara a termos solucións para a produción de piñeiro”.

INCENTIVAR A ESPECIE
“O prezo do piñeiro subiu hai tres anos mais gaora anda á baixa e non hai retornos suficientes” sinala Francisco Dans. Este é un dos extremos que se deberan solventar, que os propietarios de terreos tivesen ingresos abondo para que empresas de silvicultura mantivesen os montes limpos sen ser así unha carga de traballo máis para o propietario. “Temos por diante unha incipiente industria da madeira para construción, un material lixeiro, tratado especialmente para a súa durabilidade”. Sobre a seguridade deste material, Dans apunta os avances en “colas naturalizadas e produtos menos agresivos para o medio ambiente”.

Existen tamén tratamentos de mellora xenética que fan ao piñeiro galego unha mandeira máis resistente a pragas ademais de estárense buscando melloras de cara “a soportar mellor as modificacións climáticas”. E todo isto necesitaría do desenvolvemento dun sector I+D+i que “é unha das ideas deste encontro, mais temos un polo de investigación aínda que disperso e por iso falamos da necesidade de unificar criterios e ideas entre Galicia e Portugal”.

“O simple coidado do monte leva a eliminación de árbores para desmestar o monte e reducir o risco de incendio, esa madeira vai para taboleiro de fibra e en Galicia temos unha importante cadea de valor nesta área” di Jacobo Feijóo. “Ademais, a día de hoxe o desenvolvemento industrial permite aproveitar partes da madeira que antes non tiñan uso” di Feijóo. Estas partes poden substituír materias primas emisoras de CO2.

A reunión de expertos materializouse nun momento en que se esperan os novos fondos europeos para o Plan Estratéxido de España para a PAC (PEPAC) e o novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) acaba en 2024 “e agora mesmo teñen que entrar novas axudas do PEPAC que inclúen políticas forestais”. En base a isto “crearemos grupos de traballo coa administración para vermos até onde podemos adaptar as políticas europeas ás necesidades do piñeiro” di Feijóo.

O piñeiro galego volve a ter protagonismo dentro das políticas forestais. O sector da madeira quere aproveitar as oportunidades brindadas polas axudas europeas e desenvolver a industria arredor do piñeiro para o seu aproveitamento sobre todo en construción. De momento a aposta é aumentar a superficie de coníferas en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Lexislando co cú non haberá forma humana de mellorar este país. Hai a pénas 3 anos sacan unha lei que obriga a talar tódolos piñeiros a menos de 50 metros dunha vivenda, nave urbana ou semellante. Alguén colleu un metro para saber cantos son 50 metros da contorna de calquera casa (nova ou vella) deste noso país dos ananos ? E agora disque o piñeiro do país sería unha boa madeira para construir... Os prezos dos piñeiros caeron polo chan e cando é pouca madeira o que a retira do monte case che pide que lle pagues tí a el porque os accesos son difíciles e as toradas escasas... ¿Alguén sabe como se pode ou se debe lexislar en Galicia? Porque a Realidade non ten nada que ver coa Ficción dos Informes do Carallo !!!