Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2024 | Actualizada ás 14:32
As axudas da Xunta para mellorar a accesibilidade tanto en edificios residenciais colectivos como en vivendas individualmente poderán solicitarse a partir deste venres e ata o próximo 22 de abril, con incentivos que poderán alcanzar os 18.000 euros por actuación. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a resolución pola que se convoca por terceiro ano consecutivo este programa. Cun orzamento global de case 9,5 millóns de euros.
Tendo en conta os balances anteriores, segundo indicou a Xunta, estima que con esta nova convocatoria poderán alcanzar a financiar intervencións sobre algo máis de 1.350 vivendas de Galicia. O obxectivo é apoiar á cidadanía no financiamento de obras e instalacións que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas, faciliten o acceso ou favorezan a autonomía e a mobilidade tanto en construcións unifamiliares como en edificios de tipo residencial colectivo e nas vivendas que os integran.
Ademais, as actuacións poderán realizarse non só dentro dos inmobles senón tamén nos espazos comúns, como xardíns ou zonas deportivas e naqueles que serven para comunicalos co exterior. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas propietarias, usufructuarias ou inquilinas dos inmobles, comunidades veciñais, sociedades cooperativas e empresas construtoras, propietarios ou arrendatarios dos edificios.
Con carácter xeral, as axudas cubrirán, como máximo, o 60 % do custo da actuación que se realice, aínda que esa porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 % se na vivenda ou no edificio reside unha persoa con discapacidade ou que sexa maior de 65 anos. Ademais destas limitacións, a contía das subvencións será variable e dependerá tanto da tipoloxía e características dos inmobles como das circunstancias dos seus residentes.
O prazo de execución das obras no caso de vivendas unifamiliares non poderá exceder os 12 meses, mentres que para os edificios residenciais colectivos será de 24 meses tendo en conta que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requiren de máis tempo. En calquera caso, as actuacións subvencionadas deberán estar finalizadas antes do 1 de decembro do próximo ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.