A Xunta tacha de "tomadura de pelo" o regulamento de Costas: "A nosa costa non está sobrepoboada"

Asegura que máis de 26 concellos e entidades e asociacións do sector do mar adheríronse ás alegacións do Goberno galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2024 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, cualificaron de "tomadura de pelo" a tramitación do novo Regulamento Xeral de Costas e pediu ao Goberno central que amplíe o prazo de consulta pública.

Así se manifestaron en rolda de prensa este venres, último día para presentar alegacións nas que esixen saber "cales son os obxectivos" e que poñan "un mínimo de texto articulado", así como a ampliación do prazo desta consulta pública. "Non pedimos nada extraordinario, pedimos o que nos ampara a lei e seguiremos defendendo os intereses dos galegos, do sector e da nosa costa", sinalou Ángeles Vázquez.

A vicepresidenta segunda lamentou que o prazo de presentación de alegacións é "moi conciso" e reprochou a "falta de diálogo" ante premisas que, na súa opinión, son "totalmente erróneas", xa que, entre outras cousas, indican que "a costa galega está masificada" ou "equipara a costa galega á costa mediterránea".

Nesta liña, Ángeles Vázquez expuxo que "non se cumpre coa obrigación legal de pór a disposición dos cidadáns toda a información e documentos necesarios para que se poida facer unha participación real", á vez que criticou que "visto que o Supremo deulle un tirón de orellas", o Goberno decide facer esa consulta pero "sen dicir nada, excepto catro frases que volven levar ao mesmo que pretende o Goberno".

"PRETENSIÓNS" DO GOBERNO

Sobre isto, Vázquez explicou que o Goberno pretende que as concesións que se podían dar ata 75 anos agora pasen a 30 ou "expropiar cando unha onda dun temporal chegue a un lugar determinado e ese espazo pasa a ser dominio público marítimo-terrestre", entre outros asuntos. "Esas son as pretensións; sabémolas, pero seguen sen clarificalas agora na consulta pública", expuxo.

Así mesmo, censurou que "non se xustifican os problemas concretos" e "non se dá solución", aínda que "si parte dun texto que di que hai un problema que é a extraordinaria presión humana da franxa costeira e que iso pode ter problemas debido ao cambio climático". "A vixente Lei de costas xa recolle a variable de cambio climático en varios artigos. Non se pode empregar un informe xenérico e faino a través dun grupo de expertos sobre cambio climático, pero non se pon en contacto coas comunidades", sostivo.

Neste sentido, reiterou que se trata de "xeneralidades" que parten de "un texto articulado que foi recorrido polas comunidades, por particulares e polo sector" e que "agora volve á carga" ante o que a Xunta pide "diálogo, respecto e transparencia". "A nosa costa nin está sobrepoboada, nin ten un problema perentorio relacionado co cambio climático. Se o obxectivo é outro, a lóxica é que o teñan que dicir. Non imos permitir que nos tomen o pelo e que lle tomen o pelo ao sector", aseverou.

"DIÁLOGO" COAS CCAA

Pola súa banda, o conselleiro do Mar en funcións insistiu en demandar ao Goberno central que abra "unha vía de diálogo coas autonomías e co sector do mar", "os máis afectados con este regulamento de Costas" que, reprochou, "queren facer con présas e con moito escurantismo". "Unha vía de diálogo onde podamos ver aquelas ideas que queiran desenvolver, pero mellor sempre facelas desde a unión de todos e a defensa sen concesións dos intereses de todas as persoas e zonas afectadas", defendeu.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar en funcións,, Alfonso Villares, en rolda de prensa
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar en funcións,, Alfonso Villares, en rolda de prensa | Fonte: XUNTA - CONCHI PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Quen parece que nos toma o pelo a gusto son as dúas prevaricadoras que construiron 6 chalets de luxo ao pé da costa e modificando viais que non existen e rouban metros aos propietarios de fincas que non valía máis que de reserva da biosfera... Outras facendo negocios non teñen rubor ningún ! https://flic.kr/psa /2pnATQt Dende Pepe Blanco na Illa de Arousa pasando pola burrada de Barreiros ata Sanxenxo... O novo Plan Xeral de Vigo levantará alturas ao longo de todo Samil... En breve Torremolinos II