Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2024 | Actualizada ás 12:06
Os deputados do PPdeG no Congreso rexistraron dúas preguntas ao Goberno central para coñecer que prazos contempla para eliminar as peaxes da AP-9 e sobre a afectación que tería a falta de Orzamentos Xerais do Estado na aplicación desta medida. Nunha nota de prensa, os populares lembran que na campaña das pasadas eleccións autonómicas o PSdeG "prometeu a gratuidade das peaxes nesta autoestrada en nome do presidente do Goberno".
Así mesmo, sinalan que na anterior lexislatura o propio Pedro Sánchez "comprometera a transferencia da súa titularidade á Xunta de Galicia". "Son numerosos os incumprimentos de Sánchez con Galicia e o da AP-9 é o máis coñecido de todos: comprometeu o seu traspaso e incumpriu, comprometeu que este ano as peaxes serían gratuítas e ata agora incumpriuno tamén", explica o deputado Jaime de Olano.
Ademais, o portavoz adxunto do PP no Congreso insistiu en cuestionar "como afectará a falta de orzamentos ao compromiso da eliminación das peaxes desta autoestrada".
"Temémonos que de novo PSOE e BNG tentarán tomarlle o pelo aos galegos", apuntou antes de sinalar que esta cuestión estaba incluída no pacto de investidura asinado entre socialistas e nacionalistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.