O Ciclo de Cultura Científica pon o foco na educación, a psicoloxía e a Intelixencia Artificial

Comezará o 4 de abril no auditorio Neira Vilas, na Cidade da Cultura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2024 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

'Tecnoloxía con sentidiño' é o título da segunda edición do Ciclo de Cultura Científica impulsado polo Goberno galego e que, desde o 4 de abril, tratará o eixo tecnolóxico na comunidade educativa e con relación á saúde infantil e xuvenil, así como á psicoloxía ou á Intelixencia Artificial (IA). O obxectivo, segundo expón a Xunta nun comunicado, é "contribuír a unha reflexión seria e documentada, con expertos do maior nivel e baseada en investigacións".

Para iso, poderase asistir de forma presencial ao auditorio Neira Vilas na Cidade da Cultura de 18,00 horas a 19,30 horas, no mesmo horario todas as xornadas, ou tamén se poderá visualizar en Youtube na canle da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Aqueles docentes que asistan recibirán un certificado de 12 horas de formación. Ademais, a partir das charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas. Deste xeito, o próximo día 4 presentarase o libro realizado coas conferencias do ano anterior.

PROGRAMACIÓN

Na primeira das sesións, o 4 de abril, Héctor Ruíz Martin, investigador e director da International Science Teaching Foundation, impartirá o relatorio 'Que nos di a investigación sobre ou uso da tecnoloxía na aula?' . Pola súa banda, a escritora e columnista Laura Espido Freire será a encargada, o 22 de abril, da intervención 'Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo'.

Xa en maio, o día 2, José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, profundará nos 'Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede'; mentres que o día 16 Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft, achegará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia 'Tecnoloxía e accesibilidade'.

O 28 de maio, Javier Saéz de los Terreros, responsable da comunicación dixital do Museo do Prado en Madrid, explicará aos asistentes como achegar a tecnoloxía a un público que non visita os museos co relatorio 'Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo del Prado'.

O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en Intelixencia artificial da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con 'Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo'.

Por último e, con data aínda por fixar, Luís Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio 'Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía'.

Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta