Primavera electoral transcendente

O adianto da celebración das eleccións ao Parlament de Cataluña para o vindeiro 12 de Maio provoca unha singular circunstancia temporal: no período comprendido entre o 28 de Maio de 2023 e o 9 de Xuño de 2024 terán lugar as 6 convocatorias que configuran o ciclo electoral principal no ámbito estatal.

Por Xesús Veiga | Compostela | 01/04/2024

Comparte esta noticia
 Celebradas xa a metade desas citas (locais e autonómicas do pasado 28-M, xerais do 23 de Xullo e as galegas do recente 18-F), os resultados orixinaron efectos diferentes dependendo da parte do escenario político que fose obxecto de observación. O PP pasou da euforia de comprobar o seu avance indiscutíbel en diversas CC.AA e concellos (acompañados, certamente, da colaboración gobernamental con Vox) á fonda decepción padecida polo fracaso na desexada conquista da Moncloa que agardaban para os últimos días de Xullo de 2023. O PSOE coñeceu a outra cara da moeda: perda de gobernos relevantes nos eidos municipal e autonómico, desastre nas eleccións galegas e mantemento -aínda que con evidentes dificultades na gobernabilidade- do Executivo de coalición estatal presidido por Pedro Sánchez. Para outras forzas políticas tamén houbo luces e sombras. Por citar o caso do BNG, a sucesión temporal foi contraditoria: confirmación da notábel incidencia no tecido municipal, conxelación da cativa presenza nas Cortes do Estado e suba espectacular na Cámara do Hórreo.
 
Nas citas pendentes (eleccións para o Parlamento vasco o 21 de Abril, para o catalán o 12 de Maio e para o europeo o 9 de Xuño) hai algunhas certezas e tamén importantes incógnitas. Entre as primeiras destacan dúas. Unha: que o PP terá un papel subalterno na gobernabilidade do Pais Vasco e de Cataluña (noutras palabras: carecerá de capacidade de incidencia na conformación das maiorías parlamentarias respectivas). E outra: que a orde de prelación finalmente existente entre PNV e Bildu non alterará a liña prioritaria das alianzas que veñen practicando ambas formacións nacionalistas no Parlamento de Vitoria e no Congreso estatal. O Partido Socialista de Euskadi ten anunciado a súa preferencia pola repetición do actual acordo de goberno de coalición co PNV e non cabe pensar que a esquerda abertzale mude a aposta estratéxica que ten adoptado no ámbito da política estatal.
 
As interrogantes localizanse, primordialmente, nos resultados dos comicios ao Parlament e nas súas consecuencias sobre a vida política de Cataluña e sobre a evolución do panorama estatal. Hai dúas variábeis que serán determinantes no que suceda a partir do 12-M: coñecer se as organizacións independentistas seguen mantendo (ou non) a maioría absoluta dos escanos e constatar cal será o resultado da disputa entre ERC e Junts pola hexemonía no espazo independentista. A liña de actuación da formación que encabeza Carles Puigdemont ten demostrado posuír unha menor previsibilidade da que se lle pode atribuír á presidida por Junqueras e Aragonés. O papel determinante que xogan os deputados independentistas -7 en cada caso- na aritmética parlamentaria do Congreso pode provocar unha situación que acelere  notabelmente o remate da lexislatura. Neste sentido, o futuro político de Pedro Sánchez xogase mais na consulta de Maio que no que poda acontecer o 9 de Xuño no reconto das papeletas ao Parlamento de Estrasburgo.
 
Durante varias décadas -até o ano 2015- definiuse o sistema político español como un "bipartidismo imperfecto" no que CiU e PNV funcionaban -se era necesario- como socios imprescindíbeis para asegurar unha fórmula de gobernabilidade estábel no conxunto do Estado. En todo ese tempo, a evolución dos mapas políticos do Pais Vasco e de Cataluña tiñan unha incidencia significativa na dinámica estatal (circunstancia que, como é sabido, non se daba no caso galego). Había, con todo, unha diferenza importante: a existencia de ETA eliminaba, de facto, as posibilidades de xogo político para a esquerda abertzale e colocaba ao PNV como único interlocutor consistente para as forzas políticas de ámbito estatal. En Cataluña, a pesar da prolongada hexemonía de CiU, existían mais opcións para diversificar as alianzas políticas a partir do amplo consenso sobre o marco constitucional e estatutario que se rexistraba entre o "pujolismo", o PSC, o vello PSUC transmutado en IC e mesmo o PP. Até que comezou o chamado "procés", o escenario político vasco tiña unha evidente capacidade desestabilizadora -por mor da existencia da violencia de ETA- que non atopaba correspondencia no que, moitas veces, se cualificaba como "oasis catalán", para remarcar o notábel acordo básico sobre as características do autogoberno naquela nación.
 
Todo o que aconteceu a partir da reforma do Estatut (oposición belixerante do PP, sentenza do TC anulando unha parte substancial do novo texto, masivas mobilizacións sociais contra a involución centralista, aposta da vella Convergencia pola opción independentista, máxima confrontación no outono de 2017...) sumado á definitiva desaparición de ETA ten convertido á vida política catalá na chave decisoria do nivel de estabilidade do cadro institucional do Estado español. Velaí a transcendencia dos resultados do vindeiro 12 de Maio.

Votación en urna nunhas eleccións
Votación en urna nunhas eleccións | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.