(Vídeo) De Ninghures gaña o premio aRi[t]mar á Mellor Música do Ano

No caso do territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do ano 2023 en Portugal é Na Escola, da banda coimbrán Os Quatro e Meia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/04/2024 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

O tema Morena, do grupo De Ninghures, gañou o premio aRi[t]mar tras un proceso de votación mediante o cal o público escolleu cales foron as Mellores Músicas do ano 2023 na Galiza e en Portugal. Nesta novena edición, o certame volveu bater a súa propia marca de participación cun total de 9850 votos, cifra que supón máis dun 40% de incremento con respecto á edición anterior.

Integrantes do grupo De Ninghures
Integrantes do grupo De Ninghures | Fonte: De Ninghures

O tema, estreado en outubro de 2023, alén de ser un dos máis bailables da banda, é boa mostra das confluencias que se dan nesta agrupación. Neste caso, as de tradición galega e as de electronic dance music. Noutros traballos, esta agrupación formada por, entre outros, músicos bergantiñáns, composteláns e fonsagradinos, tamén presenta influencias doutras tradicións musicais ibéricas, así como de sons magrebís ou latinoamericanos.

No caso do territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do ano 2023 en Portugal é Na Escola, da banda coimbrán Os Quatro e Meia. Agrupación formada por seis músicos que ten a súa orixe nunha xuntanza universitaria aló polo 2013. Practican unha música que poderiamos definir como pop-rock, con tendencia a cancións lentas e emotivas, alta presenza do piano e mais outros elementos como as seccións de corda.

Os/as artistas que acadaron o podio grazas aos votos do público foron, na Galiza, o dúo Caamaño&Ameixeiras co tema Ai de Min e Mondra co seu Ardén. En Portugal, o segundo e a terceira clasificado/a foron Miguel Araújo co tema Sagitário e Carolina Deslandes coa súa Saia da Carolina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta