Por Xosé Antonio Pena | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2024 | Actualizada ás 12:00
De seguro que practicamente todos temos vivido, ben en carne propia, ben con alguén que estaba a carón noso, algunha experiencia en que se sofre un pequeno atragoamento ou unha sensación semellante por mor de que un pouco de comida ou bebida, no canto de baixar polo esófago, se desvía cara á traquea.
En castelán, para dar conta desa situación empréganse secuencias expresivas como a de que a comida ou bebida se fue por el camino viejo.
En galego dispomos tamén de varias expresións con que damos conta desa mesma experiencia:
Írsele/Metérsele a alguien [algo de comer o de beber] por el camino viejo
{= Irlle a alguén algo de comida ou bebida pola traquea no canto de lle baixar polo esófago.}
Irlle/Metérselle pola gorxa pequena
Irlle/Metérselle pola gorxa do aire
Irlle/Metérselle pola gorxa do vento
Irlle/Metérselle pola gorxa do alento
Irlle/Metérselle pola gorxa vella
Irlle/Metérselle polo camiño vello
Ex.: ¡Caramba, que se me metió algo de vino por el camino viejo!
¡Carafio, que se me meteu algo de viño pola gorxa pequena ‡ pola gorxa do aire ‡ pola gorxa do vento ‡ pola gorxa do alento ‡ pola gorxa vella ‡ polo camiño vello!
● Tamén:
Írsele por el otro lado
Irlle/Metérselle por mal sitio
Ex.: ¡Carafio, que se me meteu algo de viño por mal sitio!
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Martíns Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.