Vótennos, e devolverémoslles parte do que lles quitamos!

O PP continúa coa súa campaña electoral a través do BOE, e no noso caso, do Diario Oficial de Galicia, previo paso polo Boletín Oficial do Parlamento. De repente, un bo número de demandas que a sociedade esixía durante estes catro anos, pasan de ser irrealizables a realizarse en catro meses. Iso sí, con máis nome que contido real.

Por Sigrid Campo | A Coruña | 30/09/2015

Comparte esta noticia
Esta vez tócalle á recuperación da paga extra dos funcionarios de 2012, suprimida polo Goberno de Rajoy co fin de aforrar 5.000 millóns, cifra que non se alcanzou xa que Facenda calculou mal o efecto das retencións impositivas.
 
En Galicia, o PP xa realizou unha manobra parecida a comezos de agosto. Daquela aprobou a Lei de Iniciativa Lexislativa Popular e Participación Cidadá, que non pasa de ser un refrito da Lei de ILP´s que estaba vixente engadíndolle 4 artigos insubstancias nos que simplemente facúltase á cidadanía a enviar propostas ao Parlamento, que os grupos parlamentarios recollerán se queren, e se non, enviaranse ao lixo. O que xa se facía de facto, pero cuberto cun halo de electoralismo.
 
Agora, o PPdeG repite estratexia: poñer un nome vendible a unha proposta moito menos satisfactoria do que o seu nome podería indicar.
 
A Xunta denomina ao proxecto de lei que presenta este martes no Parlamento “Proxecto de lei polo que se aproba unha retribución de carácter extraordinario en concepto de recuperación da paga extraordinaria de decembro de 2012 aos empregados do sector público autonómico de Galicia”. Calquera diría que, con ese nome, o funcionariado ao que se lle retirou a paga extra de 2012 recuperará integramente a contía subtraída no seu momento. Pero o certo é, que con esta medida só  van recuperar o 26,23% da mesma
 
Na propia Exposición de Motivos do proxecto de Lei, o PP asegura que en 2016 aboarase o resto da paga extra non aboada. Con isto, o PP vennos a dicir que a devolución desta paga non entraba nos seus plans para este ano, e que unha vez lle viron as orellas ao lobo déronse conta de que era necesario levar a cabo máis medidas electoralistas das pensadas nun principio. E aquí está o resultado: tras buscar a forma de xuntar un diñeiro imprevisto para unha medida imprevista, o PP intenta recuperar o voto do funcionariado coa devolución do 26,23% da paga. 
 
Porén, hai que recoñecerlle a Feijóo que polo menos é máis elegante á hora de realizar electoralismo que outros sectores do seu partido. Mentres que o Goberno central, a través de declaracións do Ministro Montoro, só se comprometeu a devolver o75%, polo menos Feijóo tivo a decencia de comprometerse a devolvela integramente. Aínda que máis decente sería que se tivera posicionado en contra da supresión no 2012.
 
Esta non é a primeira medida que o PP toma en busca de recuperar o maior apoio posible dentro do funcionariado. En 2014, o Goberno central aumentou a taxa de reposición do funcionariado empregado en servizos básicos como Sanidade, Educación ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado do 10% no que se atopaba ao 50%. Para 2016, a taxa nestes sectores elevarase ao 100%, mentres que a do resto do funcionariado elevarase ao 50%.
 
Esta medida, que o PP vendeu coma se de un gran acto de xenerosidade se tratase, non significa máis que o PP deixará de destruír emprego en servizos básicos, pero iso non significa que o vaia crear. E no resto de sectores da Administración, no canto de destruír 9 postos de traballo por cada 10 persoas que se xubilen, se destruirán 5. 
 
Outra das esmolas do Partido Popular nestes últimos meses foi anunciar o aumento da subida salarial nun 1% para 2016. Unha esmola, ademais, con trampa. Xa que aumentar un porcentaxe tras reducilo previamente, aínda que sexa o mesmo, non implica volver ao mesmo punto, senón perder parte do que se tiña. Se eu teño 100 e me recortan un 10%, perdo 10 e quedo con 90. Se agora me aplican unha subida do 10%, gano 9, por lo que teño 99, e perdín 1. 
 
Se isto pasa cando se reduce e se aumenta a mesma porcentaxe, este efecto é máis exaxerado cando se perdeu un 5% e só se recupera un 1%. Un recorte que nalgúns casos foi moito maior, xa que habería que sumarlle outros recortes salariais específicos, como o sufrido polo persoal do Sistema Universitario de Galicia. Toda esta serie de recortes, unido á evolución da economía, levaron aos sindicatos a cifrar a perda de poder adquisitivo no 20% nos últimos 5 años. E fronte a esta tubaxe que perde auga por todas partes, o PP pretende vender a colocación dunha tirita como unha gran medida.
 
O PP xustificou os recortes ao funcionariado como necesarios para reactivar a economía e reducir o déficit, pero o certo é que as súas medidas só lograron reducir a capacidade de consumo das familias, o que a súa vez supuxo unha contracción da economía. Mentres, a débeda sigue disparada, máis alta que cando Rajoy tomou posesión. Tras anos de penuria, o PP saca peito por un pírrico aumento do PIB baseado única i exclusivamente nunha desvalorización salarial, un aumento que, como xa vimos, ten trampa. Agora que volvemos a crecer, din os gobernos centrais e autonómico que poden devolvernos parte dos dereitos que nos quitaron. Parte, porque unha economía precarizada e un partido sen proxecto de país no ten nada mellor que ofrecernos á cidadanía, nin sequera a escasos meses das eleccións.
 
E esperarán que lles deamos as grazas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Sigrid Campo Regueiro Sigrid Campo Regueiro, naceu en Ourense e está afincada en Lugo dende ben pequena. Membro de Podemos, responsable da Secretaría de Auditoría da Democracia en Podemos Galiza.